Friday 22 de November de 2024

A Xunta avanza nas obras de mellora dos firmes e vías do Hospital Materno da Coruña coa posta á disposición das primeiras 23 prazas de aparcadoiro


Os traballos contan cun investimento global de 195.000 euros e abranguen a mellora da vía perimetral do centro sanitario e da lavandería do Sergas na cidade
A Xunta segue a avanzar nas obras de mellora dos firmes e vías do hospital Teresa Herrera da Coruña, coa posta á disposición, para os pacientes e o persoal sanitario, das primeiras 23 prazas de aparcadoiro, 1 delas para persoas con mobilidade reducida, que quedaron habilitadas este venres pola tarde.
Os traballos, que se iniciaron a finais de xuño, abranguen a renovación do firme, a mellora das beirarrúas e a adecuación de novas prazas de aparcadoiro no entorno do hospital Teresa Herrera e da lavandería do Sergas na cidade.
As actuacións contan cun investimento da Xunta de 195.000 euros e forman parte dun contrato maior que recolle a mellora nos accesos noutros hospitais públicos da provincia, como os de Santiago, Ferrol, Cee e o Barbanza, cun investimento global de 1 millón de euros.
Con estas obras actúase sobre o firme da vía que dá a volta ao hospital en todo o seu percorrido, intensificando o traballo nas zonas que presentan un maior deterioro. Ademais, tamén se mellorará o firme da vía que conecta coas Xubias de Abaixo. Para minimizar as molestias aos profesionais e usuarios do hospital está previsto que os traballos de estendido de aglomerado se realicen en horario nocturno.
Os traballos avanzan xa na habilitación de novas zonas de aparcadoiro, adecuando espazos de forma ordenada, ata acadar 53 prazas, e nova beiravía adaptada a persoas con mobilidade reducida, coa conseguinte mellora da seguridade viaria. A intervención completarase coa renovación da sinalización, como se fixo xa o ano pasado no hospital central.
Os traballos, que estarán rematados a finais de agosto, teñen como obxectivo favorecer a mobilidade no contorno deste centro hospitalario, ofrecendo unha mobilidade máis cómoda e segura, tanto para os pacientes, como para o persoal sanitario que se achega cada día ás instalacións hospitalarias.