Friday 22 de November de 2024

O alcalde de Fene, o concelleiro de Cultura e membros da Corporación Municipal arrouparon á ceramista fenesa Carme Romero na lectura da declaración institucional do Día da Patria Galega


“Saúde e canta o paspallás”
Con estas verbas, a ceramista fenesa Carme Romero rematou esta tarde a lectura da declaración
institucional do Día da Patria Galega, rememorando aqueles anos nos que “rematando a guerra do
36, o ser galeguista era tan perseguido que un grupo de amigos entre os que se atopaba Pérez
Parallé”, para se reunir empregaban como contrasinal “Saúde e canta o paspallás”.
Durante a súa intervención, a impulsora da Escola de Cerámica do Muíño do río Va (Maniños),
serviuse das súas experiencias vitais e profesionais para reivindicar o noso patrimonio material e
inmaterial e, particularmente, a nosa lingua, “esta lingua tan fermosa, chea de palabras e verbas que
definen con perfección todo o que teño ó meu arredor, o traballo, os meus sentimentos, as
lembranzas, a natureza que me rodea, o que vivo”.
Pero ademais, “Carme a galega” (como a coñecían durante os anos que pasou fóra de Galiza) falou
dos seus anceios: “Gústame imaxinar o meu país cheo de mulleres, doces, fortes, valentes,
traballadoras, meigas, sabias e boas. Figúroas defendendo esta natureza tan fermosa que temos.
Pénsoas en soutos, carballeiras, en campos de millo un ano e ao seguinte de trigo. Libres, felices,
cheas de cores buscándose nas miradas, sen muros que escondan e destrúan a redondez da nosa
terra e a nosa paisaxe. Gardando con celo as pequenas grandes cousas que nos fan ser como
somos”.
O acto, que tivo lugar a carón do “Monumento 25 de xullo. Día da Patria Galega”, estivo presidido
polo alcalde de Fene, Juventino Trigo, quen fixo referencia á conmemoración neste 2020 do
centenario do Día da Patria Galega, “unha efeméride que ao longo dos anos convertemos nunha
xornada de festa e reivindicación na que o pobo galego con identidade propia, con lingua de seu, co
noso himno e bandeira reforza e se reafirma nestes símbolos que expresan a nosa vontade colectiva
como nación”.
Ademais, Trigo reivindicou, como plenamente vixentes, os principios da Xeración Nós, “a necesidade
de ter voz propia no mundo e dunhas institucións ao servizo das maiorías sociais, que sexan fiel
reflexo da plena soberanía do pobo galego para poder decidir sobre o que afecta ás nosas vidas
como nación”.

Membros da Corporación Municipal de Fene e numerosos veciños/as participaron tamén no acto que
tivo lugar esta tarde no “Monumento 25 de xullo. Día da Patria Galega”, no Parque Liñal do río
Cádavo, e que concluíu coa interpretación do Himno Galego a cargo dun grupo da Banda de Gaitas
Airiños de Fene.