O Concello de Malpica aproba o pase do gradiómetro na Croa do Castro de Cerqueda, tras aa tala de eucaliptos e o triturado das pólas resultantes xa realizada nas pasadas semanas.
Con toda probabilidade esta prospección xeofísica será realizada a finais de agosto, o cal se converterá nunha actividade de impacto turístico. O Concello pretende que sexa unha acción aberta ao público dado que non é frecuente contemplar unha actividade arqueolóxica deste tipo.
Na Croa do Castro de Cerqueda, o 28 de abril de 2015 o arqueólogo Carlos Otero Vilariño xa levou a cabo unha proba parcial de prospección do seu subsolo. Nese test, detectou un muro na entrada, os indicios dunha casa derrubada, un camiño interior e moito metal, que posiblemente fosen cascos de cartucho.
Agora, de novo baixo a súa dirección, vaise prospectar a práctica totalidade deste xacemento na procura de novos sinais da existencia de estruturas arqueolóxicas non visibles en superficie mediante unha técnica que poderá documentar estruturas liñais (muros, gabias) soterradas ou a detección de concentracións de metais.
O emprego desta tecnoloxía é moi rendible, en canto supón un investimento económico, de tempo e persoal moi baixas. É a técnica óptima para ser aplicada en momentos iniciais da investigación arqueolóxica. As anomalías detectadas indicarán os puntos de maior potencialidade arqueolóxica e, polo tanto, axudará a decidir onde escoller futuras áreas de escavación con maior posibilidade de éxito.
A prospección levarase a cabo cun gradiómetro de tipo fluxgate de dobre sensor, modelo Bartington Grad 601 que permite a adquisición rápida de datos cunha precisión de 0,1 nanoteslas, en unidades de medida de 50×25 cms. A prospección levarase a cabo mediante o plantexamento de cuadrículas de 20×20 metros.
Prospectaranse 26 cuadrículas o que supón a totalidade da parte habitacional do castro.
Este traballo é unha actuación arqueolóxica que deberá ser autorizada pola Dirección Xeral de Patrimonio. Por iso, dentro de moi poucos días, se lle remitirá á Xunta de Galicia un proxecto de actuación específico.