Participaron un total de 24 nenos e nenas de entre 7 e 14 anos de idade
O Concello de Lousame clausurou hoxe venres os seus Campamentos de Verán 2020, unha iniciativa de conciliación distinta aos anteriores e adaptada ás circunstancias actuais, onde a seguridade da rapazada estivo en todo momento por riba de todo. Iso motivou que en vez das 100 prazas tradicionais e a convocatoria de unha semana en horario de mañá e tarde, este ano os campamentos reuniran tan só a 24 nenos e nenas, de entre 7 e 14 anos, durante dúas semanas en horarios de mañá, eliminando tamén a tradicional noite de campamento.
Así mesmo, tamén se suspenderon as saídas do municipio tales como as visitas ás praias de Porto do Son ou a tradicional visita ao Aquapark, que foron substituídas por actividades seguras na contorna do polideportivo da Silva. Así o puido comprobar esta mañá a concelleira de Cultura, Silvia Agrafojo, quen acudiu á clausura dos campamentos.
Unha clausura na que a empresa Infantilandia quixo estrear o “Desafío Shinobi”, o inchable máis longo de Galicia e que consta dun labirinto de múltiples probas físicas: escalada, salto, equilibrio… Un inchable que foi moi ben recibido tanto pola rapazada como polos seus monitores, que non deixaron de desafiarse durante toda a mañá.
Así mesmo, a festa completouse cun karaoke e dous postos de alimentación: un de gofres e outro de granizados, que serviron para repoñer forzas despois do esixente “Desafío Shinobi”, tal e como puido comprobar a propia concelleira. Silvia Agrafojo agradeceu o “gran traballo dos técnicos municipais de Deportes, Voluntariado e Cultura na coordinación dos campamentos, así como a gran resposta, unha vez máis, do voluntariado de Lousame”.
Estes Campamentos de Verán cambiaron as viaxes fóra do municipio polos recursos e paisaxes naturais de Lousame, como a contorna do mosteiro de San Xusto, o monte Culou, as minas de San Finx ou a área recreativa de Brandia. Así mesmo, estiveron xogando unha Caza do Tesouro e mesmo participaron na gravación da curtametraxe “As Cruzadas en Lousame”, e non faltaron os obradoiros, xogos, deportes, festa da escuma…