As persoas interesadas en asistir deberán inscribirse previamente e cumprir coas medidas hixiénico-sanitarias fronte á COVID-19
O Concello de Boqueixón celebrará o vindeiro 7 de agosto unha nova edición da súa Noite Velada. A cita contará con algunhas modificacións con respecto á anteriores ocasións, co fin de garantir todas as medidas hixiénico-sanitarias fronte á COVID-19.
Ademais de proceder á tradicional iluminación da ponte medieval coas candeas, o Campo do Río de Ponte Ledesma acollerá a actuación de A Banda da Loba, a partir das 22.30 horas. O aforo estará limitado, polo que as persoas que queiran asistir deberán formalizar a súa inscrición chamando ao 981 513 061 ou enviando un correo electrónico a boqueixonturismo@gmail.com .
Para garantir un acceso ordenado e gradual, a apertura do acceso realizarase ás 21.30 horas. Disporanse cadeiras debidamente separadas no Campo do Río para poder ver o concerto.
Todas as persoas asistentes deberán cumprir obrigatoriamente coas medidas hixiénico sanitarias. Levarán obrigatoriamente máscara durante todo o evento, manterán a distancia interpersoal dun mínimo de 1,5 metros e utilizarán hidroxel para a hixiene de mans.
Dende o Concello de Boqueixón animan á veciñanza a participar nesta actividade dun xeito responsable. O lecer non ten por que ser incompatible co obrigado cumprimento dos protocolos de prevención contra a COVID-19.