Thursday 21 de November de 2024

O Concello pon en marcha o Bono Cultura, un instrumento para reactivar o sector cultural da cidade cun investimento de 355.000 euros


O Goberno local incentivará as compras asumindo até un 40% do gasto das e dos clientes, até un máximo de 60 euros por persoa, nos negocios e actividades vinculadas coa actividade cultural na cidade
A Xunta de Goberno Local deulle luz verde esta mañá a outra das liñas de axudas recollidas no Plan de reactivación económica e social da Coruña (PRESCO), un plan dotado con 13.276.416,20 euros e aprobado por unanimidade o pasado 1 de xuño. Ás liñas de apoio a coletivos vulnerables, autonómos e micropemes súmase agora o Bono Cultura, deseñado para incentivar o consumo nas empresas culturais da cidade, moi afectadas pola crise sanitaria.
O concelleiro de Economía, Facenda e Réxime Interior, José Manuel Lage Tuñas indicou que na redacción do PRESCO se tiveron en conta as aportacións de todos os grupos e destacou o carácter unánime do plan posto en marcha polo Goberno local para facerlle fronte ás consecuencias da pandemia. “Fomos quen de poñérmonos de acordo dando exemplo de que a cidade está para nós por diante de calquera outra consideración”, indicou Lage Tuñas.
O Concello, a través da Fundación Emalcsa, destina 355.000 euros á creación do Bono de Cultura, un instrumento para incentivar o consumo nas industrias culturais que se adhiran ao plan e que suporá para a clientela obter descontos de até o 40% do valor do produto adquirido (o gasto mínimo é de 10 euros) até un máximo de 60 euros por persoa. As persoas interesadas deberán rexistrarse nunha web municipal cos seus datos para obter os bonos. Estes serán persoais e poderán sumarse a eles as persoas maiores de 14 anos, e trocarse en calquera dos negocios que se sumen á iniciativa. Os bonos poderanse obter desde o vindeiro mes de agosto e terán validez até o próximo 30 de novembro.
Por outra banda, tamén como parte dos proxectos incluídos no PRESCO, está previsto que a vindeira semana se aproben as liñas de axudas para incentivar o consumo no pequeno comercio e na hostalaría local, cun investimento de 850.000 euros e 450.000 euros respectivamente, e a través de dous convenios a asinar coa Federación Unión de Comercio Coruñesa (FUCC) e coa Asociación Provincial de Empresarios de Hostelería.
“Trátase de mobilizar os recursos municipais para axudar aos sectores máis castigados contribuíndo a que manteñan a actividade”, recordou José Manuel Lage Tuñas.
O PRESCO ten xa en marcha liñas de axudas por valor de 6.235.000 euros para persoas autonómas e micropemes, que poden solicitar até 6.200 euros para o pago de alugueiros, abono de cotas á Seguridade Social e autónomos e investimentos en medidas de seguridade e modernización tecnolóxica.
O PRESCO contempla tamén un investimento de 2,4 millóns de euros para reforzar programas de emerxencia social, ampliar os medios destinados á conciliación e implantar axudas para o alugueiro de vivenda. “O PRESCO é unha potente ferramenta para non deixar a ninguén atrás e para contribuír á dinamización da cidade, compromisos do goberno que preside Inés Rey e que estamos a materializar”, indicou Lage Tuñas.

Modificativos
Por outra banda, a Xunta de Goberno Local aprobou tamén dous expedientes de modificación de créditos, para facer fronte a diversos gastos, derivados en boa parte dos efectos da pandemia.

O primeiro dos modificativos destina 78.500 euros (procedentes de convenios con entidades que renunciaron aos fondos pola imposibilidade de materializar as actividades previstas) ao reequilibrio económico das escolas infantís municipais. Ademais, tamén aporta 443.039 euros para pagos de desinfección de espazos públicos a causa da Covid-19 e para o mantemento do sistema de control de capacidade nas praias.
O segundo dos modificativos unifica os dous convenios nominativos asinados no seu día coa Academia Galega do Audiovisual, sen que varíe a cantidade asignada a esta entidade: 104.500 euros.