O Grupo de Acción Local Golfo Ártabro Norte -do que forma parte Fene- iniciou estes días canda outros proxectos de desenvolvemento costeiro de Galicia o proxecto RELEVO2020, co que se pretende atraer a mocidade de 16 a 30 anos cara ás actividades relacionadas co mar como unha opción de futuro. Dentro deste proxecto ofreceráselle á xuventude unha visión xeral sobre o sector pesqueiro e formación máis específica que lles sirva de punto de partida para traballar por conta allea ou emprender nunha parte fundamental da nosa economía que desde hai anos ten na falla de relevo xeracional un dos seus principais problemas. O programa estrutúrase en dúas quendas de catro meses, unha de setembro a decembro deste ano e outra de xaneiro a abril de 2021. Para cada unha delas ofértanse 15 prazas, que se cubrirán por orde de solicitude. Toda a información está dispoñible na web www.relevo2020.org, incluído o formulario de inscrición, aínda que tamén se pode preguntar máis a través do correo info@relevo2020.org ou contactando directamente co GALP Golfo Ártabro Norte, quer pasando pola súa oficina da Casa do Pescador de Miño, quer chamando ao 981 784 417 – 636 736 788.
Tal e como informa a web do GALP Golfo Ártabro Norte -no que están integrados concellos e entidades sectoriais de Fene, Mugardos, Ares, Ferrol, Cabanas, Pontedeume, Miño, Narón, Neda e Paderne-, o RELEVO2020 é un proxecto centrado na capacitación de mozos e mozas a través da formación e dun mellor coñecemento dos recursos do territorio, coa finalidade de fomentar e acadar o relevo xeracional no sector pesqueiro.
A iniciativa está botando a andar coa posta en marcha da preparación das actuacións que se van desenvolver, destinadas a mozos e mozas dos 16 aos 30 anos que pertenzan a algún dos 50 concellos que conforman os territorios dos cinco GALP. A formación programouse en dúas edicións de catro meses cada unha -a primeira de setembro a decembro de 2020 e a segunda de xaneiro a abril de 2021-e contará con 30 prazas en cada un dos territorios, que serán cubertas por orde de inscrición e atendendo a un reparto homoxéneo nos concellos do territorio. Para participar en RELEVO2020 non fai falla dispor de titulación nin experiencia previa vinculada ao sector pesqueiro.
As sesións impartiranse un máximo de dúas veces por semana co formato de seminarios formativos, titorías personalizadas, saídas de campo, encontros con mozos e mozas que apostaron polo mar como medio de vida e tamén mediante xuntanzas con profesionais do sector.
O equipo docente estará formado por especialistas no campo das Ciencias Experimentais e das Ciencias Sociais, quen desenvolverán un programa formativo centrado no coñecemento do sector e no acompañamento individualizado do alumnado.
Para o remate do proxecto haberá unha visita de estudo á Escola de Formación de Carpintaría de Ribeira “Albaola”, no País Vasco. Unha viaxe que quere servir de icentivo para aquelas alumnas e alumnos que tivesen participado de maneira activa no proxecto e que, ademais, cumprisen cos requisitos formativos.
Reunións informativas
O GALP leva días visitando un a un os concellos e confrarías de pescadores do territorio a fin de facelos partícipes activos da difusión e promoción do proxecto e como axentes de captación de posibles persoas destinatarias. Visitáronse os concellos de Miño, Cabanas, Ares, Mugardos, Pontedeume, Fene, Neda e Narón e as confrarías de Miño, Pontedeume, Ares, Mugardos, Barallobre e Ferrol. As reunións seguirán nos vindeiros días e semanas para achegar a información a persoas interesadas e coordinar a difusión do proxecto coas entidades colaboradoras.
Para informarse sobre o proxecto está habilitada a dirección de email info@relevo2020.org e o espazo web relevo2020.org no que ademais se atopará o formulario de inscrición que quedará habilitado esta mesma semana.
As persoas que así o desexen tamén poden informarse na oficina do GALP, na súa sede en Miño e seguir as novas a través das redes sociais Instagram e Facebook buscando por Relevo2020