Saturday 16 de November de 2024

Un informe histórico avala o Concello para emprender as accións xudiciais para recuperar a Casa Cornide


Inés Rey: “O Goberno local está dando todos os pasos necesarios para lle devolver o inmoble ao patrimonio municipal”
A alcaldesa, Inés Rey, confirmou hoxe a intención do Concello de iniciar as accións xudiciais pertinentes de cara a recuperar a Casa Cornide unha vez que se logre que o inmoble sexa declarado Ben de Interese Cultural, BIC. Con este obxectivo, o catedrático e profesor de Historia da arte na USC, Alfredo Vigo Trasancos, dirixe na actualidade un estudo técnico e artístico sobre o edificio.
A rexedora fixo estas declaracións durante o acto de presentación en María Pita dun Informe histórico sobre a permuta e a poxa da Casa Cornide, que lle encargou o concello ao Instituto José Cornide de Estudos Coruñeses e que forma parte, xunto co informe artístico, das accións iniciadas polo Goberno local para lograr que o edificio lle sexa devolto ao patrimonio municipal. “O informe avala o inicio das accións xudiciais, o Concello está a dar todos os pasos necesarios para recuperar o inmoble e devolvérllelo ás coruñesas e aos coruñeses”, dixo a alcaldesa, quen asegurou que o resultado do proceso aberto para recuperar o pazo de Meirás non condicionará o procedemento posto en marcha. Lembrou que o Goberno local carece de permisos para entrar no inmoble, xa que foron denegados polos actuais propietarios. “Non hai colaboración por parte da familia Franco para lle devolver o inmoble ao patrimonio público” , recoñeceu a rexedora.

Neste sentido, o informe demostra o espolio levado a cabo pola familia Franco no patrimonio da cidade para o seu propio beneficio, “un espolio que aínda está sen repararse”, sinalou.
A rexedora apuntou tamén que o estudo revela a estrutura posta en marcha pola familia Franco para adquirir “de forma fraudulenta un ben histórico da nosa cidade, unha práctica moi habitual nesa época”.
O informe presentado por Emilio Grandío, director do equipo de investigación, conclúe que houbo unha redución no prezo de venda do inmoble, tal e como consta na escritura do 6 de agosto de 1962, que nin está xustificada e que seguramente tampouco sexa admisible, e que alcanzou un 1.200% menos sobre o prezo inicial.
Este feito, explican no informe, influíu nas liquidacións dos impostos relativos aos dereitos reais e en especial ao de plusvalía. O Concello vendeulla a Barrié de la Maza por 305.000 pesetas que á súa vez lla “vende” a Carmen Polo por 25.000 pesetas (o tempo entre unha e outra venda foi de 3 días).
Ademais, o prezo da venda e a valoración efectuada polo Estado non coinciden xa que o arquitecto do Ministerio de Educación fixara o valor en 344.813 pesetas, e o concello realizou obras de reconstrución na casa desde 1962 a 1976, algo que non entraba nas súas competencias, debido a que o inmoble estaba en mans privadas, e que implicaría certas irregularidades administrativas.
Tamén quedan por determinar se se aboaron os impostos municipais tanto de rede de sumidoiros e recollida de residuos sólidos como o de contribución urbana, IBI.