Un total de dez mulleres de Frades participan no curso de monitor de tempo libre organizado polo Concello de Frades e impartido por persoal da Escola Galega de Tempo Libre. Un curso que terá lugar ata o vindeiro 31 de agosto, con 90 horas presenciais obrigatorias no multiúsos de Frades (os luns, mércores e venres, en horario de 16:00 a 21:00 horas) e 110 horas de formación en liña.
O concelleiro de Ensino, Manuel Ferreiro Marzoa, foi o encargado de dar a benvida a estas dez veciñas, ás que felicitou por apuntárense a un curso que capacita para a obtención dun título oficial expedido pola Xunta de Galicia. Unha ampla formación que inclúe lexislación, animación e xogos, animación deportiva, primeiros auxilios, educación ambiental… así como 150 horas de clases prácticas que deberán realizarse no prazo de 2 anos a contar dende o remate das clases teóricas.
Para facilitar a formación da mocidade do municipio, o Concello de Frades decidiu subvencionar con 50 euros o prezo oficial da matrícula, fixado en 250 euros, para todas as persoas empadroadas en Frades cunha antigüidade mínima de 1 ano. A maiores, as alumnas que desexen obter o título oficial deberán aboar á Xunta de Galicia outros 11,69 euros en concepto de taxas de expedición do mesmo.