Friday 22 de November de 2024

O Concello realoxa 12 persoas da Pasaxe tras pactar con elas o derrubamento de catro infravivendas


Coa reacollida destas catro unidades de convivencia en fogares dignos para a súa habitabilidade, quedan 13 familias no poboado

A Concellería de Benestar Social confirmou esta mañá o derrubamento de catro infravivendas do asentamento chabolista da Pasaxe, tras pactar previamente coas 12 persoas que as ocupaban, oito adultas e catro menores, o seu inmediato realoxamento en fogares que responden a condicións dignas de habitabilidade. Desde a concellería realizan o labor de buscar unha solución con elas e as familias que acceden ao realoxamento asinan un documento vinculante de inclusión ao plan de hábitat digno en que un dos requisitos é o acompañamento por parte de Benestar Social ás novas vivendas. Pola súa parte, as persoas realoxadas adquiren o compromiso de se adheriren a itinerarios para mellorar a súa empregabilidade e a recibiren visitas do persoal traballador do concello de cara a levar un control da súa situación.

Unha das infravivendas estaba habitada por dúas persoas adultas e dous nenos; unha segunda, por unha persoa adulta; unha terceira, por tres persoas maiores de idade e un menor; e unha cuarta infravivenda estaba ocupada por dúas persoas adultas e unha menor.

As catro unidades de convivencia foron reacollidas polo servizo de Benestar Social co fin de que estes residentes na Pasaxe accedan a unha vivenda digna e as crianzas poidan ter unha oportunidade máis aló do poboado.
Tras o realoxamento destas catro unidades de convivencia quedan no poboado 13 familias máis.

Segundo a concelleira de Servizos Sociais, Yoya Neira, “levamos moitos meses traballando para que estas familias se reintegren na sociedade canto antes. Non podemos permitir que haxa nenas e nenos vivindo nesa situación”, concluíu a edil, que engadiu que este traballo estaba previsto para antes, pero que a pandemia obrigou a pospoñelo.