Friday 22 de November de 2024

A Biblioteca Municipal de Boqueixón ofrece un obradoiro de animación á lectura


A Biblioteca Municipal de Boqueixón desenvolveu un obradoiro de animación á lectura, baseado en sesións de contacontos. Dirixido á cativada participante no programa de conciliación Verán Activo, púxose de manifesto os beneficios e a importancia da lectura no desenvolvemento persoal das nenas e nenos.
O obradoiro desenvolveuse en diversas sesións, adaptadas aos distintos grupos de participantes do Verán Activo. O alcalde boqueixanés, Manuel Fernández Munín, achegouse tamén para animar ás crianzas a somerxerse no marabilloso mundo dos libros.
Persoal municipal explicou tamén os métodos de préstamo do centro, así como os distintos tipos de publicacións que se adaptarían ás súas respectivas idades. Como broche final, os cativos e cativas levaron como agasallo un libro.
Esta iniciativa inclúese dentro do proxecto de dinamización da biblioteca pública levado a cabo polo Concello. Este tamén inclúe a renovación da mascota deste centro de lectura.