O goberno municipal de Malpica ten, como unha das súas prioridades, levar a rede de saneamento de todo o concello e, por suposto, a mellora e correcta explotación das infraestruturas actuais. Para conseguilo, o alcalde do Concello de Malpica, Walter Pardo, acompañado polo concelleiro de Servizos, Alfredo Cañizo, reuniuse coa Directora Xeral de Augas de Galicia, Teresa Gutiérrez.
O encontro serviu para abordar a necesidade de coñecer a situación actual da rede existente do municipio. Neste sentido, o elevado número de tramos con rede unitaria presentes na vila fai que o funcionamento da depuradora sufra debido as puntas de caudal nos episodios de chuvia. Co fin de solucionar esta situación, arrancouse o compromiso por parte de Augas de Galicia de levar a cabo o inventario total da rede. Estes traballos de inspección, revisión e inventariado da rede comezarán este mesmo outono.
Así mesmo, conseguiuse que os especialistas revisen a depuradora de Buño e de Seaia para optimizar o seu funcionamento e evitar vertidos.