Friday 22 de November de 2024

O Concello de Vimianzo continúa traballando para solventar a problemática coa fibra no rural


Polo momento, xa hai unha listaxe de 71 núcleos nos que o Estado xa subvenciona a cobertura deste servizo.

O Concello de Vimianzo continúa traballando para solventar a problemática coa fibra no rural. A alcaldesa de Vimianzo, Mónica Rodríguez, xa solicitara como vogal da FEGAMP mediar entre a administración local e autonómica para darlle traza á problemática da cobertura de Internet no municipio.
Unha das principais eivas que se presentan é a diferenza entre os núcleos que están contemplados na listaxe do INE (107) e os 133 que aparecen no
Nomenclátor, polo que os 26 restantes non figuran de cara a ser beneficiarios das axudas, punto que está a estudar Vimianzo con especial detemento.
O Estado xa aporta axudas para un total de 71 núcleos, e a Xunta de Galicia aportou as contías para dotar de fibra aos núcleos de Baíñas, Outeiro, Carantoña, Mouzo e Montecelos, un total de cinco. Desde a administración local lévase durante semanas, incluso durante o estado de alarma, tratando de adoptar solucións para solventar un tema que se antolla ‘imprescindible para moitísimas e moitísimos veciños e veciñas’, aportan desde o consistorio vimiancés.
Xa no Plan de Acción Municipal para a Reactivación Económica da Costa da Morte, elaborado polos axentes de desenvolvemento local da zona, detectouse como principal problema para as empresa e cidadanía a deficitaria calidade e cobertura de Internet.
Polo tanto, e sendo un dos temas que están na axenda actual do goberno local, a alcaldesa xa fixo chegar a varios organismos esta problemática, para tratar de coordinar así tanto coa administración autonómica como co Goberno do Estado liñas de acción e intentar canalizar así unha problemática que afecta a grande parte da veciñanza, non só do rural, senón tamén da contorna urbana de Vimianzo. Cabe
destacar que tamén se iniciou unha rolda de contactos coas entidades subministradoras do servizo, como Telefónica ou R.