Friday 22 de November de 2024

O Concello de Moeche reparará 1,3 quilómetros de pistas co Plan de camiños da AGADER


O investimento na mellora viaria ascende a preto de 41.000 euros, ive incluído

Moeche concorreu este ano á convocatoria de axudas de Medio Rural para a reparación de camiños e pistas polas que se serven explotacións agropecuarias. É o coñecido como Plan de camiños da AGADER, cofinanciado con fondos europeos FEADER e do Ministerio de Agricultura, que pon como condición para outorgar as subvencións precisamente iso, que as infraestruturas amañadas beneficien o desenvolvemento de actividades agrícolas e gandeiras, ademais de servir neste caso para mellorar as comunicacións entre núcleos do Concello. En base á cantidade asignada -33.656 euros (máis 7.000 euros de ive que asumirá o consistorio)- o Goberno Local encargou un proxecto técnico para aglomerar 750 metros da estrada de San Xiao que artella boa parte da parroquia de Labacengos e tamén para asfaltar o coñecido como camiño dos Acivros, duns 600 metros, que enlaza Moeche co límite de Cerdido na parroquia de Santa Cruz. O Concello xa iniciou o procedemento de contratación das obras, que se executarán antes de que remate o verán.

A propia comunicación remitida hai uns días ao Concello coa concesión da axuda indica que este programa bianual 2020-21 deberá xustificar os investimentos efectuados este ano, como moi tarde, o 18 de setembro. Ese é o motivo de que se iniciase o expediente de contratación das obras case ao momento de obter a confirmación da subvención. Polo seu importe e pola axilidade da tramitación, o consistorio recorreu a un procedemento de contrato menor solicitándolles orzamento a tres empresas. As propostas técnicas e económicas están xa en poder do Concello, quen as avaliará nos próximos días co obxectivo de formular a adxudicación provisional o antes posible.

O proxecto viario -orzamentado en algo máis de 40.700 € ive incluído- está dividido en dúas actuacións. A de maior envergadura abranguerá 750 metros da estrada de San Xiao, que se ben non presenta fochancas nin buratos de grande tamaño, si está afectada por numerosas gretas que aconsellan reparala antes de que comece a desfacerse por completo debido ao efecto da auga. De feito, a auga xa leva tempo traballando e provocando pequenos desniveis inaprezables a simple vista pero que se deixan notar, e moito, cando se circula pola estrada, unha das que máis tráfico soportan de Labacengos. Todo o trazado está aglomerado desde hai anos, polo que calquera amaño parcial debe facerse con ese tipo de firme. A obra consistirá nunha rega de selado e adherencia, na corrección de baches e deformacións, así como na limpeza de cunetas e tamén da propia estrada, que se utilizará como base dunha nova capa de rodadura cun largo medio de 5 metros e un grosor mínimo de 4 centímetros. O ramo á pista poráselle con nova sinalización horizontal e vertical.

Se falamos do camiño dos Acivros, que discorre por Santa Cruz ata conectar con Cerdido, a solución técnica será o asfaltado, previa limpeza das marxes e das cunetas. Taparanse os baches cunha mestura bituminosa e, finalmente, cubrirase cunha nova capa alternando regas asfálticas con gravas de distintos diámetros. A obra servirá para acondicionar todo este eixo, que na súa parte final xa fora reparado polo Concello de Cerdido. Xunto co arranxo xeral do firme tamén se fará unha canle soterrada de maior capacidade para evacuar a auga que discorre polas gabias, co obxectivo de que a chuvia e a escorrentía non debiliten o recheo da pista.

Dentro do Plan de camiños da AGADER, polo tanto, mellorarase o estado xeral e a seguridade de 1,3 quilómetros da rede viaria municipal, que se sumarán a outros proxectos municipais cofinanciados polas distintas liñas do Plan Único de Concellos da Deputación da Coruña.