Felicitou os rapaces, así como as súas familias e docentes
A conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional en funcións, Carmen Pomar, participou xunto co alcalde Jose Luis Martínez Sanjurjo na recepción que o Concello de Ordes lles ofreceu esta mañá a tres alumnos do municipio que acadaron unhas das notas máis altas na ABAU, con resultados entre os 20 primeiros de Galicia. De feito, Raúl Ríos Pampín foi a nota máis alta de Galicia nestas probas, cun 9,95; mentres que Adrián Ovidiu Cocean obtivo un 9,90 nas probas da ABAU e Miguel Ángel Boado Fernández logrou un 9,87.
Os tres estudantes realizaron o bacharelato no IES de Ordes, cuxo director, Juan Jesús Fernández Porto, participou tamén no acto, ao que tamén asistiu José Manuel Dopazo Mella, director do IES Maruxa Mallo, onde os rapaces cursaron a ESO. Ademais, asistiron á recepción Mª Isabel Graña Pérez, directora do CEIP Alfonso D. Rodríguez Castelao; Antonio Ramón González Vaamonde, director do CEIP Campomaior; e Mª José Carballeiro, profesora de Raúl e Adrián.
Durante a súa intervención Pomar felicitou os tres alumnos polos resultados obtidos e salientou que “as notas que acadastes, impresionantes, son moito máis que números. Agochan horas de estudo, de sacrificio. Significan un esforzo sostido, un compromiso serio e moita vontade para seguir adiante durante o longo tempo de incerteza que foi o confinamento”. “O que sacades de todo isto é algo que ninguén vos poderá quitar nunca, a educación”, díxolles, destacando que “hoxe en día, o que distingue a unha persoa entre a multitude non é o que ten, senón o que sabe”.
A conselleira en funcións quixo tamén felicitar as familias dos rapaces polo seu “apoio incondicional e ánimo sen fisuras”, así como os docentes, “que vos guían e vos esixen, transmitíndovos os seus coñecementos, pero tamén os seus valores e a súa capacidade de traballo”, dixo.