A aposta de Turismo de Galicia pola tecnoloxía e a innovación está presente en numerosas liñas de acción como a posta en marcha do Plan Smart Turismo, o desenvolvemento do proxecto Smart Camiño, ou o impulso na creación de destinos intelixentes
A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, asistiu hoxe á xornada “Smart Destination: craves para a competitividade turística” celebrada no Colexio de Arquitectos de Madrid que abordou o uso e aplicación das tecnoloxías no sector.
Durante a inauguración da xornada, o ministro de Industria, Enerxía e Turismo, José Manuel Soria, deu a coñecer os avances no proxecto piloto ‘Destinos Turísticos Intelixentes’ (DIT) que, desenvolvido pola Sociedade Estatal para a Xestión da Innovación e as Tecnoloxías Turísticas (SEGITTUR), é un dos programas do Plan Nacional e Integral de Turismo (PNIT) 2012-2015.
O obxectivo do proxecto é impulsar a innovación nos destinos co despregamento e desenvolvemento das TIC e a participación de empresas españolas en proxectos turísticos do mundo.
Santiago de Compostela é unha das zonas turísticas adheridas a este programa ‘Destinos Turísticos Intelixentes’ xunto a outras como a Praia de Palma (Baleares), as illas de El Hierro e La Gomera (Canarias), Casteldefels (Cataluña), Haro (A Rioja), Jaca (Aragón) ou Axarquía (Andalucía).
Galicia, un Destino Turístico Intelixente
A estratexia de Galicia para converterse nun Destino Turístico Intelixente pasa pola revalorización do destino, o que permitirá aumentar a súa competitividade mediante un mellor aproveitamento dos seus atractivos naturais e culturais, a creación doutros recursos innovadores, a mellora na eficiencia dos procesos de produción e distribución que impulse o desenvolvemento sostible e facilite a interacción co visitante.
O Plan Integral de Turismo de Galicia centra unha das súas liñas estratéxicas no fomento do talento e o aproveitamento das novas tecnoloxías para acadar un sector competitivo e un destino intelixente.
Así, Turismo de Galicia traballa no impulso de melloras na xestión e na innovación do sector. Neste senso, Turismo de Galicia, xunto coa Axencia para a Modernización Tecnolóxica (Amtega), puxo en marcha o Plan Smart Turismo para impulsar a modernización e a competitividade do sector a través das TIC.
Este Plan, que conta cun investimento de 10 millóns de euros ata 2020, abarca o desenvolvemento de catro eixos prioritarios: modernizar as infraestruturas tecnolóxicas do turismo de Galicia; aproveitar as tecnoloxías para a promoción, a comercialización e a fidelización dos viaxeiros; fomentar a innovación no sector; e potenciar o Camiño de Santiago.
Un dos elementos clave do Plan Smart Turismo é a creación do Smart Camiño. Unha actuación que consolidará o Camiño de Santiago nun recurso intelixente e sostible a través da aplicación da innovación e a tecnoloxía.
Con esta acción conseguirase un Camiño accesible para todos, mellorando as súas infraestruturas, mellorando a colaboración e aproveitamento de sinerxías entre todos os axentes implicados, contribuíndo á mellora dos recursos patrimoniais e impulsando a aplicación das TIC.
Ademais grazas ao convenio de colaboración entre o Ministerio de Industria, Enerxía e Turismo e a Xunta de Galicia, o proxecto conta coa app “Camiño de Santiago en Galicia”.
A dita app, desenvolvida por SEGITTUR, xeolocaliza ao usuario e permítelle seguir o trazado de cada etapa e ir obtendo información útil dos distintos albergues públicos e privados, monumentos e recursos turísticos máis destacados. Toda a información pode ser situada sobre o mapa con exactitude e está complementada con recursos multimedia como fotografías ou vídeos.
Co obxectivo de facilitar a interacción cos peregrinos, a app permite ademais compartir contidos en redes sociais e valorar os recursos recollidos nesta mediante un sistema de check-in e puntuación con estrelas.
O usuario tamén pode buscar información na app por poboación, recibir información puntual de eventos na zona e obter información do tempo, o que se complementa con outras ferramentas puntuais como compás ou lanterna.
Así mesmo, a app facilita información moi valiosa sobre os seus usuarios e o uso que lle dan a mesma. Grazas a dita aplicación podemos coñecer por exemplo os países dende onde se realizan máis descargas.
De igual xeito, a aposta de Turismo de Galicia pola tecnoloxía e a innovación está presente tamén noutras liñas de acción como, a actualización do Rexistro de Establecementos de Actividades Turísticas (REAT), o impulso á creación de destinos intelixentes, Smart Destinations, da provincia de Pontevedra ou o apoio ao desenvolvemento da Smart City en A Coruña.