Friday 22 de November de 2024

O congreso público A ASTRONOMÍA nas RUTAS XACOBEAS chega mañá ao Pico Sacro


A iniciativa está promovida polo Observatorio Astronómico Ramón Mª Aller da Universidade de Santiago de Compostela

O congreso público A ASTRONOMÍA nas RUTAS XACOBEAS chega mañá ao Pico Sacro a partires das 22.30 horas.
Esta iniciativa está promovida polo Observatorio Astronómico Ramón Mª Aller da Universidade de Santiago de Compostela (USC) co cofinaciamento da Axencia de Turismo de Galicia, Xacobeo 2021 e en colaboración co Concello de Boqueixón.
Esta primeira sesión terá como protagonistas os exoplanetas, que centrarán a temática desta actividade á que seguirá unha observación do ceo nocturno na contorna do Pico Sacro. Esta actividade desenvolverase baixo as máis estritas medidas hixiénico-sanitarias co fin de garantir a seguridade das persoas asistentes.
A seguinte parada en Boqueixón terá lugar o vindeiro 11 de agosto, tamén ás 22.30 horas. Neste caso, a sesión terá como protagonistas ás Perseidas. As tamén coñecidas como Bágoas de San Lourenzo centrarán a observación astronómica. As inscricións deberán formalizarse no Departamento de Cultura
do Concello de Boqueixón ( cultura@boqueixon.com ou 981 513 115).
O Congreso iniciouse en Padrón para continuar logo en Lalín. Boqueixón é o terceiro punto no que se desenvolverá este programa para despois trasladarse a Rianxo, Teo, Allariz, O Barco de Valdeorras, Ribadeo, Monforte, Noia, e Vedra. Toda a información sobre o programa pódese consultar en https://www.usc.es/astro .