A alcaldesa, Inés Rey, e o director da refinería, Javier Sancho, visitaron esta mañá o parque de bombeiros de Agrela
A alcaldesa, Inés Rey, e o director da refinería de Repsol, Javier Sancho visitaron esta mañá o parque de Bombeiros de Agrela xunto ao director da área de Seguridade Cidadá, Carlos García Touriñán, e o subdirector de Seguridade, Medio Ambiente e Calidade da refinería, José Antonio Cámara. A visita serviu para renovar o convenio de colaboración en materia de seguridade que ambas as entidades manteñen desde hai 29 anos co obxectivo de mellorar a preparación e a colaboración en actuacións de emerxencia. Este ano, como novidade, Repsol contribúe ao desenvolvemento do plan de formación específico para o persoal de Emerxencias do Concello da Coruña que permitirá incrementar a preparación en emerxencias, algo que beneficiará a toda a cidadanía e mellorará a seguridade.
A alcaldesa afirmou que este plan de formación, froito da colaboración entre as dúas entidades, “é o primeiro paso na especialización e mellora na formación dos bombeiros da cidade”. Pola súa parte, o director da refinería, Javier Sancho, sinalou que o convenio demostra unha vez máis que un dos principais compromisos de Repsol coa súa contorna é a seguridade das persoas e instalacións.
A refinería conta cunha das dotacións de equipos e material de seguridade máis amplas en instalacións industriais de toda Europa e, pola súa banda, o parque de bombeiros integrado no Servizo de Extinción de Incendios e Salvamento (SEIS) dispón de 100 persoas profesionais especializadas en actuacións de emerxencia e salvamento e conta cos medios idóneos para facer fronte ás situacións deste tipo que poidan producirse dentro do municipio.
O convenio inclúe a realización conxunta de exercicios de carácter formativo para mellorar a eficacia en caso de intervención, afianzando a colaboración entre os equipos humanos; o coñecemento dos medios materiais dispoñibles e o intercambio de información sobre novos medios e técnicas especializadas, que se foron incorporando por ambas as partes.