Friday 22 de November de 2024

Arranca o programa ‘Activa ti + eu x nós’ cun obradoiro de xestión emocional e un descenso en piraguas polo río Ulla


As actividades están dirixidas á mocidade de entre 14 e 18 anos
Unha quincena de mozas e mozos de entre 14 e 18 anos participou onte na primeira xornada do programa Activa ti + eu x nós. A iniciativa, que se ofrecerá durante o presente mes de xullo, está incluída nas propostas desenvolvidas dende o Servizo de prevención de condutas aditivas e a OMIX de Boqueixón, que se realiza co apoio da Consellería de Sanidade a través da Dirección Xeral de Saúde Pública.
A primeira sesión deu comezo na área recreativa de Sucira a primeira hora da tarde co obradoiro de xestión emocional na adolescencia E-motiva. A coach Ana Couto foi a encargada de dirixir esta actividade na que se proporcionaron ferramentas, recursos, técnicas e reflexións para realizar unha toma de contacto co desenvolvemento persoal da mocidade. A empatía, a asertividade e a resiliencia centraron as temáticas tratadas durante este obradoiro.
Esta primeira xornada continuou cunha actividade lúdica e deportiva. A rapazada participante gozou dun completo descenso en piraguas polo río Ulla.
O percorrido estendeuse dende a área recreativa de Sucira ata Agronovo. A iniciativa rexistrou unha boa acollida entre a mocidade asistente.
A seguinte sesión do programa Activa ti + eu x nós desenvolverase o venres 24 de xullo e xa ten as súas 15 prazas completas. Tamén se iniciará co obradoiro de xestión emocional, para despois continuar cunha sesión de scape room (de 18.00 a 20.30 horas). A terceira e última proposta está prevista para o día 28 de xullo. A sesión E-motiva combinarase, neste caso, coa actividade graffiteando.