A praia Grande e as pistas de Rabazal serán os escenarios que acollerán actividades musicais e inclusivas.
O Concello de Miño continúa coa súa aposta pola cultura ‘segura’ cunha ampla programación para este venres.
A chaira da praia Grande e as pistas de Rabazal serán os escenarios que acollerán actividades musicais e inclusivas.
Para empezar, ás 20:30 horas deste venres na chaira da praia Grande, as persoas que así o desexen poderán gozar da actividade de danza integrada interpretada por Ricardo Prado, medallista do equipo de ximnasia rítmica ‘Santiago Apóstolo’ de diversidade intelectual, co que leva adestrando desde hai moitos anos. Ricardo tamén adestra con outros grupos de baile moderno e ‘sorprenderá a pequenos e maiores cunha actuación en categoría solista co ritmo e a enerxía que lle caracteriza’, apuntan desde o Concello.
A continuación, en leste mesmo escenario, Feral Booty ofrecerá un concerto para os alí presentes. Esta banda, nacida en Seattle fai sete anos, está composta por un baixo, un violín e unha guitarra acústica. O estilo no que se enmarcan é o country americano e o punk folk.
Estas actividades están coorganizadas pola administración miñense e Diversidarte, a asociación que aúna a artistas pertencentes a diferentes e diversos colectivos sociais, utilizando a arte como ferramenta universal onde non se resaltan as diferenzas.
Como colofón, as pistas de Rabazal acollerán a partir das 22:30 horas o espectáculo ‘Terras de Queimada’ a cargo do Bruxo Queiman. Estará baseado en malabares e xogos co lume como elemento
principal.
Con esta xornada, o Concello confirma a súa firme aposta ‘polas actividades culturais dentro do contexto
sociosanitario que vivimos, e demostramos que non é incompatible o lecer coa seguridade. Puidemos
comprobalo coas peculiares festas de San Pedro celebradas a finais do mes pasado, e corroborarémolo
unha xornada máis, con esta serie de iniciativas deseñadas e pensadas para todo tipo de públicos’,
engaden.
Haberá ao dispor de todas as persoas que se acheguen tanto á chaira da praia Grande como ás
pistas de Rabazal, xel hidroalcohólico. O aforo cubrirase rigorosamente por orde de chegada,
asegurando en todo momento a distancia social e contémplase como obrigatorio o uso de máscara.