As máscaras deberán entregarse antes do 11 de febreiro no centro cultural de Sigüeiro
O Concello de Oroso vén de convocar o Concurso de Máscaras Oroso 2015, que incluirá dúas categorías: infantil (para nenos e nenas entre 7 e 12 anos) e adultos (maiores de 13 anos). Unhas máscaras e antefaces que deberán entregarse no Centro Cultural Fernando Casas e Novoa antes do vindeiro 11 de febreiro.
Os participantes optarán a dous premios por categoría. No caso da categoría infantil, o gañador levará un vale regalo por valor de 70 euros en Equipa-T, mentres que o finalista será premiado cun vale por valor de 35 euros. Na categoría de adultos, o primeiro clasificado recibirá unha tablet, mentres que o finalista desfrutará dunha cea para dúas persoas nun restaurante de Oroso.
Características das máscaras
As bases das máscaras ou antefaces, de temática libre e elaboración propia, deberán estar elaboradas cun derivado do papel ou con vendas de escaiola. Ademais, o seu tamaño deberá estar adaptado ao dunha cara humana, cubrindo completamente o rostro e pudendo sobresaír adornos e accesorios, cuxos materiais son de libre elección.
Os concursantes deberán presentar as súas máscaras e antefaces no Centro Cultural Fernando Casas e Novoa antes do 11 de febreiro. Xunto á súa creación deberán achegar un sobre pechado cunha fotografía da máscara, que levará no seu dorso o nome da obra, o nome do artista e unha frase que explique a idea que inspirou a obra. Máis información e bases na páxina web do Concello de Oroso: www.concellooroso.com.
O xurado valorará os acabados, a creatividade, a estética e o bo gusto das máscaras presentadas. Os premios serán entregados o sábado 14 de febreiro, durante o concurso de disfraces do Concello de Oroso.