O Centro Cultural Lustres Rivas de Ribeira albergou esta mañá unha xornada técnica de
presentación do proxecto Relevo 2020: unha iniciativa gratuíta orientada a promover o relevo xeracional no sector pesqueiro mediante a capacitación de mozos e mozas, a través da formación e mellor coñecemento dos recursos dos territorios.
Acompañadas do concelleiro de Promoción e Dinamización Económica do Concello de Ribeira, Ramón Doval, a xerente do GALP Ría de Arousa Rosa Carballo, e María Calvo, de Arenaria Comunicación, foron as encargadas de explicar os pormenores desta iniciativa promovida por cinco grupos de acción local e que está dirixida a mozas e mozas entre os 16 e os 30 anos.
Así, o programa formativo principiará en setembro de 2020 e contará con dous cuatrimestres (ata decembro de 2020 e de xaneiro a abril de 2021). Haberá 15 prazas en cada cuatrimestre (30 prazas en total para cada GALP) e no que atinxe a Arousa a intención é desenvolver un dos mesmos nesta banda da ría e o outro na parte oposta.
Relevo 2020 busca en particular os seguintes obxectivos:
– Facilitar espazos de posta en común, en relación ao sector pesqueiro, para mozas e mozos do territorio que teñen inquietudes e obxectivos comúns e moito que aportar nos eidos pesqueiro e social.
– Sensibilizar aos mozos na importancia que o sector pesqueiro ten no desenvolvemento territorial e a súa repercusión no patrimonio, desenvolvemento turístico e oferta gastronómica.
– Continuar apoiando a profesionalización do sector pesqueiro e fomentando a innovación para que se siga a manter como un motor da nosa economía a través da creación de emprego, apoio á empregabilidade e/ou da inclusión social.
– Poñer de manifesto a importancia de preservar os recursos e zonas costeiras e de loitar en contra do cambio climático.
A iniciativa estruturarase segundo as seguintes actuacións:
1. Seminarios. A través dun programa de contidos previamente establecido.
2. Titorías especializadas.
3. Saídas de campo para estudos dos recursos locais.
4. Encontros con outros mozos e mozas con experiencia..
5. Visitas para coñecemento dos recursos do xestor pesqueiro noutros territorios.