Inés Rey: “Os futbolistas non son diferentes do resto da poboación, a Liga non ten un status especial nos protocolos sanitarios que rexen para toda a poboación, as normas teñen que ser iguais para todas e todos”
A alcaldesa, Inés Rey, pediralles explicacións á Liga, á Federación de Fútbol e ás autoridades sanitarias pola viaxe á Coruña do equipo do Fuenlabrada, que onte tería que disputar a última xornada de liga co Deportivo, sabendo que entre as súas filas se deron varios casos positivos por COVID-19. A rexedora anunciou que o Goberno local esixirá que se esclarezan os feitos ante o gravísimo perigo que supón para a saúde pública da cidade.
“Se se confirma que un xogador e tres integrantes do equipo técnico deron positivo horas antes de voar á Coruña revela un actitude irresponsable e inadmisible por parte do equipo madrileño e do persoal responsable da liga de fútbol e constitúe un perigo para a saúde pública da Coruña que desde o Goberno que presido temos obriga de denunciar e esclarecer”, explicou esta mañá a rexedora, que non descarta tomar medidas legais para que se depuren as responsabilidades que sexan necesarias nun caso tan grave coma este.
“Hai prexuízos sanitarios, que son os que máis me preocupan, pero hai tamén un evidente prexuízo económico para a cidade, produto dunha irresponsabilidade”, asegurou Rey.
Para a rexedora, nunha situación normal, seguindo os protocolos sanitarios ante a máis mínima sospeita de contaxio, íllase o grupo e ponse en corentena e realízase unha trazabilidade dos contactos.
O Concello esixe saber por que ao ter constancia dun positivo non se illou o equipo e se puxo en corentena e por que se lle permitiu viaxar á cidade herculina. ”A nosa máxima preocupación é velar pola saúde pública da cidadanía, por iso queremos saber cando se lles fan as probas aos xogadores e se a Comunidade de Madrid, as autoridades sanitarias e a Liga tiñan constancia de que había un brote da COVID-19 nas filas do club do Fuenlabrada”, insistiu.
A alcaldesa acusou o equipo e as persoas responsables da Liga de poñer en perigo a saúde da cidadanía coruñesa ao permitir que os xogadores viaxasen á cidade, voasen a Alvedro e mesmo saísen do hotel para visitar unhas instalacións deportivas con acceso público con posible risco de contaxio sabendo que xa había positivos por COVID-19 e sen esperar os resultados das PCRs que lles fixeran aos xogadores ás oito da mañá e que dan polo menos xa 7 positivos de xogadores e membros do equipo técnico.
A rexedora asegurou que a Consellería de Sanidade está obrigada a realizar esa trazabilidade e a buscar os contactos que se puideron manter desde que collen o voo ata este momento: aeroporto e chegada ao hotel. “Cuestión que como saben no momento que nos atopamos é clave para evitar novos contaxios e así terán que facelo”, resaltou.
Inés Rey mostrou a súa absoluta indignación e preocupación ante a actitude irresponsable dun club de fútbol que sabendo que existía un positivo entre as súas filas non procedeu a cumprir os protocolos que establecen as autoridades sanitarias. “A Liga efectivamente ten un protocolo para a COVID-19, e fixeron máis de 42.000 PCRs, pero os futbolistas non son diferentes ao resto da poboación, a Liga non ten un status especial nos protocolos sanitarios que rexen para toda a poboación, as normas teñen que ser iguais para todo o mundo”, sinalou. E pregúntase “que diferenza hai entre un futbolista e calquera cidadán ou traballador español, seica os futbolistas non contaxian?, están eles por encima da normativa sanitaria ou está a Liga por encima da normativa sanitaria?”.
A alcaldesa lembrou que “na Coruña temos a situación sanitaria controlada, estamos a cumprir rigorosamente as normas con grande esforzo por parte da cidadanía e da Administración. Os controis por parte do Concello son exhaustivos a todos os niveis”. Por iso, dixo, non resulta comprensible que un club de fútbol non cumpra a normativa sanitaria e que se poña en perigo unha cidade que ten controlada a situación.