Friday 22 de November de 2024

As festas do Apóstolo, fieis á súa cita co Día do Traxe


O concelleiro de Festas, Gonzalo Muíños, acompañado pola presidenta da Asociación do Traxe Galego, Pilar Astray, e pola secretaria da entidade, Carmen Guitián, presentou unha nova edición do Día do Traxe Galego, unha desas citas que xa vai unida dende hai décadas ás festas do Apóstolo. De feito, esta é xa a edición número 41 deste Día do Traxe e celebrarase durante a mañá do vindeiro xoves 23 de xullo.

“De seguro que cando o ano pasado, na Asociación celebraban unha edición tan significativa como a número 40 deste Día do Traxe, nin se imaxinaban que un ano despois terían que celebrar a número 41 nunhas circunstancias tan especiais como as motivadas pola Covid-19”, apuntou Gonzalo Muíños na presentación. Pero malia todo, dixo, “pensamos que esta cita debía manterse no programa das festas, porque sempre é un día moi agardado por moitas persoas e porque vimos que se podía celebrar, mantendo os protocolos de seguridade, dun xeito diferente, máis acoutado, pero que se podía celebrar”. Así, este ano non haberá o concurso de traxes, pero mantense o desfile, e a recepción en Raxoi, aínda que neste caso cun grupo reducido de persoas.

O concelleiro animou á xente á participación, pero “tamén lles pedimos que contribúan a que todo saia ben adoptando as medidas de seguridade necesarias, como o uso da máscara, gardar as distancias, etc.”.

Tal como explicou Pilar Astray, a xornada arrincará ás 11:30 horas coa concentración na Alameda, dende onde sairá o desfile, que pasará por Porta Faxeira , rúa do Vilar, Praterías, Conga, Antealtares, Preguntoiro, Cervantes e Acibechería, ata a igrexa de San Paio de Antealtares. Aquí celebrarase unha misa (13:00 h) e logo, ás 14:15 h, unha pequena representación da xunta directiva da Asociación do Traxe Galego será recibida no Concello pola Corporación municipal.

Programa do mércores 22
O programa das festas do Apóstolo do mércores 22 de xullo trae tres propostas. A primeira é de circo, coa compañía Vol’e Temps e o seu premiado espectáculo DistanS. Será ás 19:00 h na Alameda.

O parque de Galeras acollerá desta vez un monólogo de humor a cargo de Oswaldo Digón (21:00 h), mentres que na praza da Quintana nos agarda o concerto acústico de TéCanela ás 22:00 h.