Saturday 16 de November de 2024

Camariñas organiza un campamento de voluntariado centrado no Camiño, no acondicionamento de roteiros e na transmisión das súas tradicións


Hoxe tivo lugar a presentación desta iniciativa na que participan 11 rapaces e rapazas con idades comprendidas entre os 18 e os 30 anos.

Hoxe tivo lugar a presentación do campamento de voluntariado que se celebrará en Camariñas ata o 31 de xullo e no que 11 rapaces e rapazas con idades comprendidas entre os 18 e os 30 anos, e chegados de diferentes lugares de Galicia, traballarán sobre o Camiño de Santiago, os roteiros de sendeirismo que pasan polo municipio e coñecerán as tradicións e os oficios dos camariñáns.
O acto de benvida aos participantes e aos monitores, que tivo lugar no Museo do Encaixe, correu a cargo da alcaldesa de Camariñas, Sandra Insua; o concelleiro de Educación e Deporte, Fabián Canosa; e a concelleira de Cultura, Encaixe e Turismo, Encarna Liñeiro.
O campo de traballo, que conta cunha temática social e medioambiental, conta coa colaboración da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado da Xunta de Galicia e é a primeira vez que se organiza no Concello de Camariñas.
Os obxectivos sobre os que traballarán os participantes son os de potenciar o Camiño de Santiago a través do Encaixe no Camiño e do Camiño da Resurrección, o acondicionamento das rutas de sendeirismo e o coñecemento das tradicións da vila.
Camiño de Santiago
Debido ao contexto sanitario actual este ano non se celebrará a festividade do Encaixe no Camiño. O traballo neste senso xirará en torno á creación de materiais que poidan servir para a celebración do próximo ano.

Ademais, a outra liña de actuación servirá para poñer a primeira pedra do denominado ‘Camiño da Resurrección’, proposto polo escritor Sebastián Vázquez no seu libro 'El Camino de Santiago y el Juego de la Oca' onde detalla un itinerario alternativo ao Camiño Inglés no que o peregrino, despois de chegar a Santiago, remataría en Camariñas pasando por Muxía.
Os participantes no campo irán desde Cereixo ata a Virxe do Monte e deixarán marcada en Wikiloc a ruta. Despois subirase á páxina web do Concello de Camariñas para que quede rexistrada.
Roteiros
No caso das rutas de sendeirismo, as actuacións serán de ámbito medioambiental.
Farán a Ruta dos Muíños da Ponte do Porto coa finalidade de valorar as modificacións necesarias a facer nese itinerario. No Camiño dos Faros unha das actuacións previstas é a elaboración duns carteis informativos para explicar a importancia de preservar as dunas de Monte Blanco e tamén outros paneis para instalar no Cemiterio dos Ingleses e evitar que os sendeiristas acumulen os chamados ‘amilladoiros’, unhas pedras pequenas que son perxudiciais para a flora e a fauna dese territorio.
Acción social
Polas tardes, os voluntarios farán un traballo de campo para coñecer o rural, e as tradicións e oficios ancestrais:
 Aprenderán a palillar e coñecerán as historias das palilleiras de Camariñas a través dos diferentes materiais cos que traballan ás mulleres palilleiras.
 Coñecerán a través das mariscadoras e mariñeiros, técnicas básicas de pesca artesá.
 Visitarán os diferentes museos de Camariñas para coñecer a súa historia.
 Actividades náuticas como kayak, snorkel, bodyboard, onde aprenderán os coñecementos básicos.