Saturday 16 de November de 2024

O Concello de Muxía amplía o prazo da convocatoria das bolsas para adquisición de material escolar


Preséntase como data límite este venres, 24 de xullo.
O Concello de Muxía amplía o prazo para solicitar as bolsas de carácter económico para a adquisición de material escolar para familias do municipio. A administración local contempla esta partida dentro do Plan de Reactivación Económica e Social da COVID-19, para paliar os efectos negativos da crise sanitaria provocada por esta enfermidade. Preséntase como data límite este venres, 24 de xullo.
Como xa comentara o alcalde, Iago Toba, hai varias semanas, ‘decidimos impulsar unha serie de medidas para antepoñernos aos efectos que a pandemia provoca nas familias e tecido comercial de Muxía’, sinalaba o rexedor. Un dos piares fundamentais do goberno local é ‘promover o principio de igualdade no exercicio do dereito á educación e colaborar coas familias para facer fronte aos gastos derivados da escolarización dos menores de idade’, comentou Toba.
Para optar a estas bolsas, é requisito indispensable estar empadroado en Muxía, tanto a persoa escolarizada como a persoa solicitante. Promoverase, para facer a xestión, a sinatura electrónica e sempre entendendo o contexto sanitario que estamos a atravesar. O teléfono de contacto é o 981 74 20 01.
As bases poden consultarse no enderezo web do Concello. A administración muxiá pon a disposición de todo o público unha persoa exclusivamente para asesoramento. O alcalde, Iago Toba, comenta que ‘o comercio local implicouse moito con nós para impulsar estas bolsas, e desde o Concello agradecemos a súa iniciativa. Queremos paliar os efectos desta crise a todos os niveis e consideramos fundamental o benestar das nosas familias, pero tamén a reactivación económica do pequeno comercio do noso municipio’, finalizaba o rexedor.