Unha vez confirmada oficialmente a presenza dos Reis en Santiago de Compostela os días 24 e 25 de xullo, o alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, mostrouse “moi contento” pola noticia. Neste sentido, lembrou que a petición “saíu da Alcaldía hai case dous meses, e a resposta chegounos hai máis dun mes, pero mantivemos a reserva nos termos que nos foi pedida”.
“O importante é que a Casa Real estea en Santiago”, indicou Sánchez Bugallo, feito que considera “motivo de orgullo para os composteláns, que expresa o compromiso coa cidade e co Real Padroado, tomando todo isto causa na ofrenda ao Apóstolo”. Ademais, expresou o seu desexo de que “os actos 24 e 25 transcorran coa solemnidade e o brillo que corresponde e que todo vaia ben”.
Segunda ofrenda
A deste 25 de xullo será a segunda vez que o Rei Felipe VI realice a Ofrenda ao Apóstolo, tras telo feito en 2014. O monarca acudirá a Santiago de Compostela na compaña da súa dona, a Raíña Letizia.
O Rei sucede na presentación da Ofrenda ao alcalde compostelán, Xosé Sánchez Bugallo, quen oficiou de delegado rexio en 2019. Antes, os oferentes foran o presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Santalices (2018 e 2016) e o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo (2017 e 2015). En 2014 fora o propio Felipe VI o encargado de realizar a Ofrenda.