Friday 22 de November de 2024

Ángeles Vázquez salienta que o distintivo Bandeira Azul é sinónimo de turismo seguro e de calidade


A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda participou esta mañá no izado da bandeira azul concedida este ano ao Real Clube Náutico da Coruña pola Asociación de Educación Ambiental e do Consumidor (ADEAC)
A conselleira de Medio, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, salientou esta mañá que as bandeiras azuis, distintivo que concede anualmente a Asociación de Educación Ambiental e do Consumidor (ADEAC) ás praias, portos deportivos e sendeiros, é sinónimo dun turismo de seguridade e de calidade, é dicir, que permite gozar dun areal ou acceder a un porto cunha excelente calidade das augas, con seguridade e servizos, accesible para todos e nos que rexe unha atinada xestión ambiental e criterios de sustentabilidade.
A conselleira de Medio Ambiente participou esta mañá no izado da bandeira azul outorgada ao Real Clube Náutico da Coruña, onde destacou que este ano a provincia da Coruña é a primeira en encabezar a lista galega con seis portos -C.N. Boiro–Marina Cabo de Cruz, C.N. de Camariñas, C.N. Sada, P.D. Sadamar, R.C.N. Portosín (Porto de Son), ademais do Náutico coruñés- seguida por Pontevedra, con cinco -C.N. Portonovo, Monte Real Club de Iates de Baiona, P.D. Juan Carlos I (Sanxenxo), Porto Pedras Negras–C.N. San Vicente do Mar (O Grove) e R.C.N. Sanxenxo- e un na provincia de Lugo –R.C.N. Ribadeo-.
Vázquez Mejuto sinalou que as administracións teñen a misión de promover un turismo en condicións de total seguridade e “este verán, máis ca nunca, debemos procurar que os lugares que recibiron este distintivo, as praias, os portos… sexan lugares seguros”. Nese sentido, sinalou que os concellos -e neste caso concreto, os responsables do Clube Náutico coruñés- deben tomar todas as precaucións necesarias e oportunas, co fin de garantir a hixiene, a distancia entre os usuarios e unha ocupación axeitada.
Recordou que Galicia mantén a súa posición na clasificación nacional de bandeiras azuis recibidas para os areais galegos, con 107 (ao igual que en 2019); e que se elevan a 133 distincións sumando os distintivos ás praias, portos deportivos, aulas e centros da natureza.
Por último, engadiu que a Xunta de Galicia activou a comezos do mes de xullo o visor de praias do Instituto de Estudos do Territorio (IET), unha ferramenta que pode resultar de utilidade a nivel municipal xa que inclúe datos sobre os metros cadrados de cada areal, o estado das mareas e ata a localización de todas as bandeiras azuis concedidas pola ADEAC na comunidade galega en 2020.