A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, apela á responsabilidade individual e colectiva neste encontro deportivo para evitar aglomeracións de persoas e posibles riscos sanitarios
A Policía Local, xunto á Policía Nacional, establecerá esta tarde un dispositivo especial de seguridade con motivo do partido de fútbol Deportivo – Fuenlabrada que se xogará no Estadio de Riazor. Así se determinou esta mañá na reunión da Xunta de Seguridade que contou coa presenza do persoal responsable da Policía Local, da Policía Nacional e do Deportivo.
Ante a previsible multitude de persoas afeccionadas nas inmediacións de Riazor e a pesar de que a asistencia ao partido de fútbol non está permitida, a alcaldesa da cidade quere facer un chamamento á responsabilidade individual e colectiva neste encontro deportivo “para evitar aglomeracións de persoas e posibles riscos sanitarios”.
Inés Rey lembra que “somos conscientes de que debemos apoiar o noso equipo, pero neste momento debemos priorizar a responsabilidade para tratar de non propiciar posibles riscos de contaxio ante os numerosos rebrotes que estamos a vivir nas últimas semanas en gran parte do territorio nacional”.