Friday 22 de November de 2024

As asistencias do servizo de socorrismo duplicáronse na primeira quincena de xullo con respecto á ultima de xuño


A Concellería de Medio Ambiente informa de que desde hoxe e até o día 24 de xullo as preamares afectarás os horarios de maior afluencia de persoas nas praias municipais
As asistencias do servizo de salvamento e socorrismo nas praias do concello duplicáronse nesta quincena de xullo con 99 actuacións a diferenza das últimas dúas semanas de xuño, en que atenderon a 54 persoas. No que vai de mes, as e os socorristas asistiron a 27 usuarias/os por feridas superficiais e a 17 por cortes, mentres que nove acudiron aos postos por picaduras de escarapotes.
Ademais, rescataron a seis persoas e seis foron trasladadas a centros médicos. Contabilizáronse outro tipo de lesións como cinco traumatismos, tres picaduras de insectos, tres por danos oculares, dúas hemorraxias, dúas abrasións solares ou dúas persoas aqueixadas por mareos. Por último, sete achegáronse por rozaduras en quince días, dos que o 7 e o 8 de xullo supoñeron as xornadas de máis traballo para o servizo con 14 e 10 asistencias, respectivamente.
Canto a xuño, as feridas superficiais foron tamén a causa que máis se repetiu con 17 atendidas/os, o que fai un total do 28% do total de intervencións entre xuño e xullo. Oito persoas cortáronse e cinco sufriron picaduras de escarapote. Nestes quince días, rescataron a outras seis persoas, o que suman unha ducia desde que se activou o servizo.

Preamares en horario de maior afluencia nos areais
A Concellería de Medio Ambiente, Comercio e Mercados sabendo as dificultades que se producen para acceder a algunhas praias, como Matadoiro ou Lapas polo reducido da súa capacidade, quere informar con antelación suficiente á veciñanza de que, desde hoxe até o vindeiro venres 24 de xullo as preamares afectarán os horarios de maior afluencia de persoas usuarias polas tardes; en concreto o mércores 22 e o xoves 23 a preamar alcanzar os catro metros.

Desde Medio Ambiente pídese a comprensión da cidadanía á hora de respectar as entradas e saídas polos arcos coa finalidade de que todos poidan gozar das praias con seguridade e sen necesidade de intervención policial.