Friday 22 de November de 2024

Unha exposición antolóxica de Xosé Luis Veiras Manteiga enche de cor as tres salas d Museo do Gravado de Artes


Numeroso público no acto inaugural de onte

Dende a tardiña de onte, os afeccionados á creación artística teñen a oportunidade de contemplar no Museo do Gravado de Artes unha ampla exposición antolóxica de Xosé Luis Veiras Manteiga que enche co seu característico dominio a instalación museística.
Moitos veciños quixeron asistir pese a calor reinante ao acto inaugural, que contou coas intervencións do vicepresidente da Fundación Museo de Artes, Javier Expósito; do director do mesmo, Pastor Rodríguez; da concelleira de Cultura de Ribeira, María Sampedro, e do propio autor, nacido en Santiago en 1949 pero fortemente ligado a Noia e que tamén residiu durante 27 anos no país francés.
Tanto Expósito como Rodríguez Santamaría e a edil municipal puxeron de relevo a figura de Veiras Manteiga, artista multidisciplinar que se atopa entre os grandes creadores do Barbanza.
O creador protagonista deu as grazas a todos os que colaboraron a facer posible a exhibición desta mostra en Artes, que abarca unha selección de obras creadas durante case cinco décadas: entre 1972 e 2019. Están distribuídas en seis seccións: “Inicio e Galicia terra nosa”, “Corpos e Cor”, “Naturezas mortas e bodegóns”, “De devaneo polo celta”, “Terras campos e paisaxes” e “Escenas teatrais”, distribuídas polas tres salas.
Esperanza Mara puxo a nota musical ao acto coa interpretación de dous temas ao violonchelo. A exposición vén acompañada dun catálogo no que acompañando ás creacións de Veiras Manteiga contén textos de Cristina Carballedo, Xavier Castro, Aurora Marco, Alfonso Costa e Antonio Piñeiro.

Ademais, os asistentes recibiron tamén por cortesía do autor un exemplar do seu poemario “Fisterras”.
A exposición pode ser visitada ata o 17 de setembro, de martes a sábado de 9 a 16 horas (festivos: de 10 a 13 horas).