Os traballos permitiron ampliar a calzada e a construción de beirarrúas ao longo dun quilómetro
O presidente da Deputación da Coruña, Diego Calvo, vén de visitar estes días as obras da estrada DP 1502, de Porto a Laraxe, en Cabanas, onde a institución provincial realiza diversas actuacións de mellora por valor de 600.000 euros. Na visita estivo acompañado polo alcalde do concello, Germán Castrillón Permuy, e xuntos puideron comprobar o avance duns traballos que permitirán aumentar a seguridade viaria nesta zona.
En concreto, a actuación da Deputación recolle a ampliación desta estrada e a construción de beirarrúas ao longo de aproximadamente un quilómetro, obras que están a piques de concluír e que rematarán co pintado da estrada.
O titular provincial mostrouse satisfeito deste avances, xa que permitirán gañar en seguridade viaria nunha zona de moito tránsito e facilitar a mobilidade dos residentes nesta comarca.