Unha media superior aos corenta nenos e nenas, de idades comprendidas entre os 3 e os 12 anos, participan nos Campamentos Municipais de Verán, un programa de conciliación da vida laboral e familiar organizado polo Concello de Frades durante as vacacións escolares e que este ano inclúe medidas especiais de prevención fronte ao Covid- 19. Así mesmo, o Concello de Frades ampliou a oferta durante unha quincena sobre o ano anterior pero mantendo os mesmos prezos.
O alcalde de Frades, Roberto Rey Martínez, explica que “a seguridade dos nosos nenos e nenas é a prioridade absoluta. Por iso tratamos de que a maior parte das actividades teñan lugar ao aire libre, en espazos abertos como os polideportivos ou a piscina municipal. Neste sentido, tamén agradecemos a colaboración do CPI de Ponte Carreira, que puxo á nosa disposición as amplas instalacións das que dispoñen”.
Neste sentido, os nenos e nenas participan nas actividades tradicionais destes campamentos: obradoiros de manualidades, cociña, xogos, deportes, natación, sendeirismo… Pero sempre mantendo a distancia de seguridade ou levando máscaras de protección en caso contrario. “Un exemplo do coidado que se emprega é que ningún neno ou nena comparte o material das actividades con outro, cada un ten o seu propio para evitar calquera risco”, sinala o alcalde de Frades. Unhas medidas aos que se suman outras como a de contar con máis monitores, tomar a temperatura con termómetro de infrarroxos, desinfección de calzado e de mans, así como das instalacións a empregar: piscina, pavillóns polideportivos, campos de fútbol e CPI Ponte Carreira, que este ano substitúe ao multiúsos de Frades por seren unhas instalacións máis amplas.