Friday 22 de November de 2024

Abre o prazo para participar no grupo de apoio emocional para mulleres do Proxecto Indira IV


CONCELLERÍA DE BENESTAR SOCIAL E IGUALDADE SERVIZO MUNICIPAL DE ATENCIÓN Á MULLER – S.M.A.M.

A Concellería de Benestar Social e Igualdade do Concello de Fene, a través do Servizo Municipal de Atención á Muller, pon en marcha un novo espazo para mulleres enmarcado dentro do denominado Proxecto INDIRA, xa desenvolvido nos anos 2018 , 2019 e 2020. Baixo o lema “Os labirintos da vida cotiá”, a actividade levarase a cabo dende o 4 de agosto ao 17 de setembro, con sesións os martes e xoves de 10:00 h a 12:00 h (podería modificarse segundo preferencia e dispoñibilidade do grupo que se forme) no Centro Municipal de Servizos Sociais sito na Av. Da Cooperación, Bloque 1 – Baixo de San Valentín.
“Proxecto Indira” concíbese coma un espazo onde as mulleres poden experimentar, coñecerse, crecer xuntas, relaxarse e gozar. Trátase dunha proposta activa e mobilizadora da condición feminina, co obxectivo de apoiar unha transformación real na vida das mulleres, pola súa propia saúde individual e familiar. As mulleres interesadas poden anotarse no Servizo Municipal de Atención á Muller por teléfono (981342607 // 981792706) ou por correo electrónico ( smam@fene.gal ). O prazo para anotarse permanecerá aberto dende o 16 ao 31 de xullo. Imprescindible cubrir a folla de inscrición si se fai por email.
No proxecto poden participar mulleres de Fene e bisbarra, maiores de idade, con ganas de crecer emocionalmente, de compartir e de crear espazos de “SORORIDADE” (solidariedade entre mulleres), de empoderarse, de coñecerse e coidarse tanto mental, física como emocionalmente.
Nesta nova edición, o número máximo de mulleres que poderán participar será de 12, atendendo ao aforo permitido, segundo a normativa vixente derivada da crise sanitaria do COVID-19. A selección das participantes será por rigorosa orde de inscrición.
Ademais, segundo informan dende o Departamento de Servizos Sociais, para esta nova edición poranse tódolos medios necesarios para garantir a seguridade, hixiene e distancia interpersoal das participantes, motivo polo que se introduciron algúns cambios e, sempre que o tempo metereolóxico o permita, levarase a actividade a espazos ao aire libre, en contacto coa natureza.
INDIRA IV é un proxecto para mulleres a través de encontros semanais, no que se abordarán diferentes temas e actividades relacionados co desenvolvemento persoal e a saúde en todas as súas dimensións. Haberá tamén tempo para compartir as situacións vividas por cada unha e as experiencias derivadas da crise sanitaria motivada polo COVID-19.

O grupo estará guiado por una Psicoterapeuta con ampla formación e experiencia en Igualdade, Sexualidade, Educación Emocional, Técnicas de Relaxación e Atención Plena, Traballo Corporal, Autocoñecemento e Terapia do Reencontro, entre outras. A coordinación do proxecto será por parte da Psicóloga Municipal, responsable técnica do Servizo Municipal de Atención á Muller e Promoción da Igualdade.
A coordinación do Proxecto INDIRA IV está a cargo da Psicóloga Municipal, responsable técnica do Servizo Municipal de Atención á Muller e Promoción da Igualdade do Concello de Fene.
No programa traballarase para promover o autocoñecemento e o autocoidado, desenvolver a consciencia corporal, conectar as vivencias, fortalecer a consciencia como persoas de dereito e respecto, empoderar as dimensións da persoa: mental, física e emocional, aumentar a sensación de comprensión, apoio e coidado e poñer en práctica ferramentas que permitan unha mellor xestión das emocións.
A actividade está cofinanciada pola Secretaría Xeral de Igualdade da Xunta de Galicia e polo Fondo Social Europeo Galicia 2014-2020.