Está vixente a alerta amarela por costeiros na provincia de Lugo
A Dirección Xeral de Emerxencias e Interior da Vicepresidencia da Xunta amplía a alerta laranxa vixente por temporal á toda a provincia da Coruña e Pontevedra.
Segundo informa a Axencia Estatal de Meteoroloxía (Aemet), esperase a partir da media tarde de hoxe, no litoral noroeste, oeste e suroeste da provincia da Coruña e na zona das Rías Baixas e Miño, na provincia de Pontevedra mar combinada do oeste, noroeste e suroeste, de 5 a 6 metros de forza 7, ocasionalmente 8.
Nivel amarelo vixente
Así mesmo, AEMET avisa do inicio de nivel amarelo por costeiro no día de hoxe na costa da provincia de Lugo. Tamén para mañá esperase ventos de nivel amarelo en toda a provincia da Coruña, Lugo (Mariña Lucense) e Pontevedra (Interior e Rías Baixas).
Por este motivo, e co fin de garantir a seguridade dos bens e as persoas, a Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, a través do Centro de Atención ás Emerxencias 112 Galicia, informou da situación aos concellos das provincias afectadas; ás Deputacións, servizos provinciais e agrupacións de voluntarios de Protección Civil e aos clubs náuticos, entre outros. Deste xeito, agárdase que se adopten as medidas oportunas para garantir a seguridade dos bens e das persoas.
Tamén recórdaselle á poboación a importancia de seguir as medidas de protección como evitar aproximarse a diques ou rompentes co fin de previr un eventual golpe de mar que poida arrastrar persoas ou obxectos ou vixiar posibles caídas de obxectos desde balcóns e fiestras. Ademais, aconséllase consultar a páxina web do CAE 112 (www.112galicia.org), que conta con información meteorolóxica e con enlaces de interese.