Até o vindeiro 15 de agosto, vinte e dous mozos e mozas da bisbarra con idades comprendidas entre os 11 e os 16 anos participan no programa Mocidade Activa, promovido polo Concello de Fene e pola agrupación de Concellos de Mugardos e Neda. A iniciativa encádrase nun proxecto de prevención de condutas aditivas subvencionado pola Consellería de Sanidade e inclúe actividades como fútbol burbulla, combate láser, obradoiros de impresión 3D, talleres de drons, de como ser Youtuber, de habilidades Maker, habilidades persoais ou radio.
Trala xornada inaugural que se desenvolveu nas pistas de atletismo do Pazo de Barallobre coa participación de tódolos rapaces e rapazas inscritos, dende hoxe repártense en dous grupos que se reunirán en Fene (con actividades de interior e exterior nas instalacións do Circulo de Perlío e espazos ao aire libre) e Mugardos (as actividades de interior na Casa da Cultura e as de exterior nunha pista deportiva e espazos ao aire libre). Cada sesión é de dúas horas e media, de 11.00 a 13.30 horas.
Segundo informan dende o departamento de Servizos Sociais, “Mocidade Activa ten como finalidade favorecer a cohesión social do grupo, aproveitando distintas actividades para reflexionar e sensibilizar sobre as adicións con sustancias ou comportamentais, e creando espazos de experimentación, de libre expresión e de creatividade propia, sen esquecer nunca a diversión”.