Friday 22 de November de 2024

A escritora Guadalupe Gómez Arto gaña o VI certame poético Rosalía de Castro 2020 coa súa obra “No encanto do aire”


O xurado, presidido polo alcalde de Padrón, valora que “é un poemario que, partindo das rúas de Compostela, percorre o país con mirada silenciosa, por veces desolada, axudada polas pegadas da nosa tradición, historia e literatura”

A escritora Guadalupe Gómez Arto, natural de Curtis (A Coruña), é a gañadora do sexto certame poético Rosalía de Castro 2020, que foi concedido hoxe xoves 16 de xullo. O xurado, presidido polo alcalde de Padrón, Antonio Fernández Angueira, reuniuse no salón de plenos da casa consistorial e acordou por maioría premiar a obra “No encanto do aire”, presentado baixo o lema “Gong” por Guadalupe Gómez Arto, a quen se notificara esta distinción nas próximas horas.
O xurado valorou que “No encanto do aire” é “un poemario que, partindo das rúas de Compostela percorre o país con mirada silenciosa, por veces desolada, axudada polas pegadas da nosa tradición, historia e literatura”. Unha elección que se realizou tras varias votacións entre os dezaseis traballos presentados nesta edición.
Ademais de Antonio Fernández como presidente, o xurado estivo composto polos vogais: Lorena Couso Dopazo (concelleira de Cultura de Padrón), Anxo Angueira Viturro (profesor do Departamento de Filoloxía Galega e Latina na Universidade de Vigo e presidente da Fundación Rosalía de Castro), Manuel Lorenzo Baleirón (mestre no IES Macías o Namorado de Padrón), María Xesús Senín Fernández (profesora de lingua e literatura galega no IES Camilo José Cela de Padrón), Xosé Luís Axeitos Agrelo (filólogo, escritor, investigador e membro da Real Academia Galega) e María López Sánchez (filóloga, ensaísta e profesora asociada na Facultade de Ciencias da Educación da USC. A animadora cultural do Concello de Padrón, Beatriz Lorenzo Vázquez, participou como secretaria do xurado, con voz pero sen
voto.
Autora
Guadalupe Gómez Arto, nada en Fisteus (Curtis) en 1972, é unha poeta e xornalista galega. Máis coñecida como Lupe Gómez, marchou con trece anos estudar o bacharelato á cidade da Coruña e máis tarde licenciouse en Ciencias da Información pola Universidade de Santiago de Compostela. Ten colaborado con “El Correo Gallego” e “Galicia Hoxe”, ademais de facer artigos e críticas de libros e de teatro.
Este VI certame poético Rosalía de Castro 2020 súmase a outros premios acadados nos últimos vinte anos, todos eles pola súa faceta como poeta. Entre esas distincións figuran o Premio da Crítica de poesía galega 2018 por “Camuflaxe”, o Premio Eusebio Lorenzo Prensa: Carlos Suárez (618 868 447) – Nós Comunicación (981 897 822) Baileirón de 2004 por “Azul e estranxeira” ou o Premio Johán Carballeira de 2003 por “O útero dos cabalos”.
Ademais da poesía, Lúpez Gómez ten cultivado tamén a narrativa (“Fisteus era un mundo”, 2001; “Quero bailar”, 2006), o teatro (“Diario dun bar” e “Diálogos imposíbeis”, editados en 2008 e 2011 por Laiovento), a literatura xuvenil (“Querida Uxía”, editado en 2004 por Luís Vives) e máis recentemente o epistolario (“Fosforescencias”, 2019).