Saturday 16 de November de 2024

A Concellaría de Cultura de San Sadurniño organiza a exposición colaborativa “Pegadas dun pasado”


A mostra inaugurarase o 19 de agosto, Día Internacional da Fotografía

O próximo 19 de agosto celébrase o Día Internacional da Fotografía. A arte de conxelar o tempo, a historia e instantáneas do pasado que, doutro xeito, morrerían con quen gardase o seu recordo. Co gallo desa data, a Concellaría de Cultura promove, por unha banda, a exposición das obras presentadas ao XIV Premio Luís Ksado -que poderemos ver no Concello desde este venres- e, por outra, un proxecto colaborativo que, ademais, ten premio. Denomínase “Pegadas dun pasado” e con el preténdese que a rapazada se implique nunha exposición fotográfica que nos ofreza pequenas estampas sobre o paso do tempo. Para iso pídese que se busquen fotos antigas pola casa, que se escaneen e que despois se faga unha foto actual coa mesma perspectiva. Logo haberá que imprimir as dúas fotos e poñelas unha de par da outra sobre un cartón pluma, de maneira que se vexa como cambiaron distintos recunchos de San Sadurniño a través do tempo. As composicións deberanse entregar na Casa da Cultura antes das 14.00h. do día 14 de agosto para darlle tempo ao Concello a armar unha exposición con elas que se inaugurará o 19.

En “Pegadas dun pasado” poderán participar a rapazada e a mocidade nacida entre o 1 de xaneiro de 2002 e o 31 de decembro de 2012. Teñen o reto de buscar pola casa fotos antigas de edificacións, paisaxes e elementos patrimoniais do noso municipio para que despois repliquen a mesma imaxe no momento actual, coa finalidade de comparar como cambiou San Sadurniño, ver con tan só dúas instantáneas como pasou o tempo, para ben ou para mal. Ademais tamén se persegue que as xeracións máis novas descubran o territorio dun xeito distinto e que se conciencien sobre a grande riqueza natural e histórica do municipio en que viven.

A mecánica é sinxela: hai que elixir unha foto vella en branco e negro e escaneala. Despois deberase sacar unha foto de hoxe en día do mesmo sitio e co mesmo encadre, utilizando para iso o móbil ou unha cámara. Por último, haberá que imprimir ambas imaxes cun tamaño 15×20 centímetros ou 20×25 e pegalas unha de par da outra sobre un cartón pluma en tamaño A3.

As composicións haberá que entregalas na Casa da Cultura antes das 14.00h. do día 14 de agosto acompañadas dun sobre cos datos da persoa participante, a data de nacemento, un número de contacto e unha descrición da foto con indicación do lugar en que foi tomada, a data aproximada da foto antiga. Tamén deberán achegar unha autorización materna/paterna para participar e unha autorización para publicitar as imaxes.

Se algún ou algunha participante precisa axuda para o escaneado ou para calquera outro paso, pode pasar pola Casa da Cultura para que lle boten unha man.

Todos os paneis recibidos formarán parte da exposición que se inaugurará o 19 de agosto -Día Internacional da Fotografía- ás 19.00h. na Casa do Concello. Ah, hai premios: entre todas as persoas participantes
sortearanse dúas cámaras réflex e tamén se entregarán accésits.

Chegan a San Sadurniño as imaxes do último Luís Ksado
Ademais de “Pegadas dun tempo” -que anunciamos con semanas de adianto para que a rapazada vaia traballando-, en San Sadurniño tamén teremos outra cita coa fotografía na vertente de fotoxornalismo. E é que a Casa do Concello acolle desde xa e ata o 4 de agosto unha parte da colección de obras presentadas ao XIV Premio de Fotografía Luís Ksado convocado pola Deputación da Coruña.

As fotos elixidas para a mostra son a serie “Bang border”, de Javier Arcenillas e “Fillos de Breogán”, de Alejandro Real. A exposición estará aberta na Casa do Concello en horario de 8.30 a 14.00h. de luns a venres e, tras botar no noso concello dúas semanas, seguirá camiño por outros municipios da provincia.