O Concello convocará unha mesa de traballo para estudar a posta en marcha dunha plataforma de comercio en liña
A unanimidade marcou unha vez máis a sesión plenaria ordinaria de xullo no Concello de Frades, que tivo lugar no multiúsos de Frades para poder manter as distancias de seguridade. Ademais, os tres grupos municipais acordaran atrasar nunha semana a sesión debido a que este local estaba precintado para a celebración das eleccións autonómicas do pasado domingo.
O Pleno municipal apoiou a reclamación presentada pola veciñanza de Ponte Carreira diante da Consellería de Industria e de Unión Fenosa Distribución para esixir unha solución as deficiencias de subministro eléctrico que veñen sufrindo nestes dous últimos anos. No escrito, apoiado coas sinaturas de 65 veciños e veciñas da localidade, denuncian que dende o ano 2019 están sufrindo deficiencias no subministro de luz que afectan tanto a particulares como a negocios. Trátase de interrupcións de pouca duración, pero que poden reproducirse ata 9 veces nun mesmo día e supón un incumprimento do compromiso de servizo da compañía.
O alcalde de Frades, Roberto Rey, explicou que o escrito entrou no Concello o pasado 1 de xuño, polo que xa se levou á Comisión de Goberno e se lle deu traslado tanto á Consellería como a Unión Fenosa Distribución. “Responderon que o subministro a Ponte Carreira chega a través de dúas liñas de media tensión e por iso os cortes non afectan sempre ás mesmas persoas. Din que van colocar uns aparellos que avisarán de cando hai un problema e en cal das liñas”, indicou Rey Martínez, quen explicou que “agora queremos seguir facendo forza aprobándoo en Pleno e remitíndolle o acordo tanto á Xunta como á UFD”.
Unha medida que foi aprobada por unanimidade e na que se engadiu que “o Concello de Frades ten dúas empresas distribuidoras. O 50% está con Udesa Distribución, onde non hai apenas incidencias ao longo do ano, e o 50% con UFD, onde hai moitas deficiencias e cortes do subministro. Dependendo da parroquia na que se vida hai un servizo diferente por mor da empresa distribuidora”.
Convenio con Mesía
Tamén se aprobou por unanimidade unha nova edición do convenio de colaboración marco para a xestión compartida do servizo de mellora, mantemento e protección do ambiente e do medio natural dos concellos de Frades e de Mesía, que este ano conta cunha achega de 76.600 euros por parte da Vicepresidencia da Xunta de Galicia. “Compraremos dúas rozadoras para os tractores que se encargan de rozar as pistas forestais e dous remolques con depósitos de limpeza para acondicionar as prazas, áreas recreativas e espazos naturais de ambos concellos”, explicou Roberto Rey.
Así mesmo, explicou que “nos presentamos con Mesía porque puntúa máis para a subvención que te presentes en grupo ca de forma individual e tamén porque é un municipio moi parecido ao noso, polo que as necesidades e intereses adoitan ser tamén comúns”. De feito, das seis ocasións nas que Frades e Mesía concorreron a estas subvencións, foron elixidos en cinco.
Mocións
O PSOE sacou adiante por unanimidade a súa moción na que instaba á Xunta de Galicia “a executar de forma inmediata os fondos Feder para o sector agrogandeiro e elaborar un plan autonómico para o sector”, segundo explicou o seu voceiro, Enrique Astray. O voceiro do PP, Manuel Ferreiro, lembrou que “a Xunta de Galicia xa está executando este tipo de plan pero paréceme ben e imos apoiar todo o que vaia en beneficio dos nosos agricultores e gandeiros”.
Finalmente, a moción presentada polo BNG non saíu adiante na forma que estaba proposta.
O seu voceiro, Manuel Míguez, pedía a creación dunha plataforma de comercio en liña en Frades xa que “o comercio online é unha boa saída para chegar a un importante número de clientes potenciais”, se ben recoñeceu que “precisamos duns métodos modernos para os que o comercio de Frades non está preparado”, polo que pediu que fose o Concello quen asumira a realización desta plataforma web.
O voceiro do PP, Manuel Ferreiro, indicou que “se ben é un proxecto atractivo, non sabemos canta xente poida estar interesada en participar. É preciso primeiro estudalo ben”, polo que propuxo convocar a unha reunión a todos os comerciantes e veciñanza interesada en participar. Deste xeito, a petición de creación da plataforma decaeu e foi substituída por outra consensuada polos tres grupos: crear unha mesa de traballo para estudar a viabilidade da posta en marcha dunha plataforma de comercio online. O alcalde, Roberto Rey, xa indicou que se porán en contacto con algunha empresa especializada na cuestión para que lles explique as vantaxes e as cousas que habería que achegar para poñer en marcha esta plataforma.
A próxima sesión plenaria ordinaria terá lugar o segundo venres do mes de setembro.