Saturday 16 de November de 2024

Os 24 nenos e nenas que participan nos campamentos de verán de Lousame participan nunha xornada de pesca fluvial


As actividades teñen lugar en espazos abertos e todas as persoas participantes no campamento seguen un estrito protocolo contra a Covid: toma de temperatura, desinfección…
Os 24 nenos e nenas que participan nos Campamentos de Verán 2020
do Concello de Lousame, que teñen lugar do 13 ao 24 de xullo, desfrutaron esta mañá dunha xornada de pesca fluvial no río Vilacoba. Unha actividade na que estiveron acompañados pola concelleira de cultura, Silvia Agrafojo, quen salientou o gran traballo que están a desenvolver tanto os técnicos municipais como o voluntariado que se encarga do coidado da rapazada.
Agrafojo puxo en valor que “son uns campamentos distintos aos habituais xa que teñen que estar adaptados ás circunstancias actuais, nas que a seguridade dos nenos e nenas ten que estar por riba de todo”. Neste sentido, destacou que “os 24 nenos e nenas organízanse en pequenos grupos de cinco persoas nos que están guiados por 3 monitores” e agradeceu “o traballo dos técnicos municipais de Deportes, Voluntariado e Cultura na coordinación dos campamentos e a gran resposta do voluntariado local, grazas ao cal sempre podemos facer actividades en Lousame”.
A xornada de hoxe consistiu nunha saída ao río Vilacoba, preto de Brandia, na que a rapazada aproveitou para pescar algunha que outra troita e tamén para nadar, mantendo sempre a distancia de seguridade como lles marca, incluso, a corda coa que fixeron o camiño entre o polideportivo e Brandia, onde cada pequeno ten o seu “nó” ao que ir agarrado.
Boa resposta das familias
A concelleira de Cultura salientou tamén a boa resposta das familias, que están a permitir o funcionamento do sistema de deixada e recollida das crianzas sen teren que baixar do vehículo. As familias chegan nos vehículos e o persoal dos campamentos tómanlle a temperatura cun termómetro de infrarroxos ao pequeno (e se supera os 37 graos non pode quedar). Ademais, cada cativo ten que pasar un proceso de desinfección de calzado, mans con xel hidroalcohólico e dos obxectos.
Así mesmo, cada obxecto que é empregado por cada cativo nas actividades non se volverá a usar no campamento, garantindo así a máxima seguridade. A pesar das medidas de seguridade, a rapazada xa ten desfrutado de actividades como xogos populares, festa da escuma, sendeirismo ata o monte Culou e obradoiros de manualidades. Ata a próxima semana seguirán desfrutando de karaoke, cinema, tiro con arco, circuíto de Karts, obradoiros…

O 24 estrearase a pista inchable máis grande de Galicia
Os campamentos pecharanse o 24 de xullo cunha gran festa na que se estreará a pista americana inchable máis grande de Galicia, de cen metros de lonxitude, e sobre a que se organizará unha divertida xincana.