Corenta e unha nenas e nenos participan dende hoxe no campamento de conciliación da vida laboral e familiar “Un verán diferente” que organiza a Concellería de Cultura de Fene. O programa desenvolverase no CEIP Centieiras de Perlío até finais do mes de xullo e centrará o seu proxecto nas actividades ao aire libre, tal e como se recolle nas recomendacións e medidas para o desenvolvemento das actividades de educación non formal, ocio educativo e tempo libre adaptadas á situación de COVID-19, publicadas pola Xunta de Galicia.
Segundo informan dende a Concellería de Cultura todo o monitorado asignado a este programa conta con formación previa en medidas hixiénico sanitarias. Asemade, as actividades realizaranse respectando a ratio dunha monitora ou monitor por cada grupo de sete nenas ou nenos, seguindo as instrucións anteriormente mencionadas. E, perante a sospeita duna posible caso de COVID-19, o equipo conta cun protocolo de actuación.
En todas as actividades traballarase de xeito transversal o fomento da igualdade, seguindo o exemplo no comportamento, actitudes e expresións do propio monitorado.
Ademais, realizaranse obradoiros de corresponsabilidade e coeducación, obradoiros de elaboración de instrumentos de percusión, obradoiros medioambientais, actividades de iniciación a práctica deportiva de diferentes deportes, obradoiros de reciclaxe…