Saturday 16 de November de 2024

A Xunta de Goberno Local acordará concederlle unha subvención de 400.000 euros á Federación de Asociacións de Pais e Nais de Centros Públicos


Na reunión de mañá aprobarase a xestión dun programa educativo municipal cun mínimo de 62 bolsas para cursar 1o de Bacharelato nos Estados Unidos
A Xunta de Goberno Local aprobará mañá a concesión dunha subvención de máis de 400.000 euros á Federación Provincial da Coruña de Asociacións de Pais e Nais de Centros Públicos para desenvolver programas formativos, deportivos e de xuventude. Ademais, acordarán a contratación do servizo de organización e xestión dun programa educativo municipal que consistirá nun mínimo de 62 bolsas para cursar 1o de Bacharelato nos Estados Unidos.
Por outro lado, a Xunta de Goberno Local sacará adiante o expediente de autorización e disposición do gasto e a prórroga por un ano do contrato de mantemento, conservación e seguridade do elevador panorámico do Monte de San Pedro, adxudicado á empresa Talentorbis Maquinaria e Industria, Unipessoal LDA.

Na área de Urbanismo, revisarán as 21 licenzas outorgadas entre o 26 de xuño e o 10 de xullo, que inclúen a reforma integral coa derruba e nova construción do edificio destinado a supermercado Lidl, en Agrela. Tamén se aprobará o expediente para iniciar a expropiación forzosa de tres parcelas na rúa San Pedro de Visma que permitirá completar as beirarrúas entre o cruzamento coa rúa Aguillón e o centro cívico e mais mellorar as condicións de accesibilidade e visibilidade no barrio. Esta actuación responde a unha petición da asociación veciñal de Visma. Se ben o ano pasado o Goberno local adecuou parte do vial á altura do número 51 con beirarrúa, estes traballos permitirán o tránsito peonil por todo o trazado.
En total resolvéronse 163 expedientes neste período: 21 licenzas urbanísticas, 95 de obras en réxime de comunicado, 34 para o exercicio de actividades en réxime de comunicación previa, 11 para o exercicio de actividades en réxime de declaración responsable e dous documentos máis sobre unha primeira ocupación e unha desistencia.