A Comisión de Honra e Distincións acordou que se debata na próxima sesión a recuperación deste topónimo da zona para nomear o barrio, así como outras propostas para rúas que realizou a Real Academia Galega co fin de manter viva a memoria do lugar
A Comisión de Honra e Distincións deu conta esta mañá dos expedientes que inclúen a determinación de nomes de vías públicas no Parque Ofimático para o que propoñen a designación definitiva como barrio de Xuxán. Na reunión acordouse levar á próxima sesión plenaria parte do rueiro deste barrio grazas aos votos favorables de PSOE, PP e Marea Atlántica, mentres que o BNG e o grupo mixto se abstiveron.
Tal e como recolleu nun informe emitido en xaneiro, a Real Academia aconsella recuperar o topónimo de Xuxán que limitou noutrora unha zona incluída onde hoxe se erixe o Ofimático e deixar de referirse a el con este último nome por carecer de sentido e raizame. No estudo, a institución chámalle así tamén a unha das novas vías e propón outras denominacións para as súas rúas como Galán, Agrelo, A Canteira, Longarela, Campo de Galán e A Viña, que corresponden a microtopónimos anteriores co fin de rescatar a memoria do lugar e a tradición.