A edición número dezasete do Campionato Municipal de Pesca Infantil de Frades reuniu esta fin de semana a uns oitenta veciños e veciñas do municipio, entre eles os trinta nenos e nenas menores de 16 anos que tomaron parte do torneo. Un campionato que por segundo ano consecutivo tivo lugar na área recreativa da piscina municipal (Papucín) e que se desenvolveu baixo as medidas preventivas recomendadas fronte á Covid-19.
A Consellería de Medio Ambiente colaborou no evento coa solta de 100 exemplares de troita, dos que 25 foron capturados polos nenos e nenas que participaron no campionato, coa colaboración dunha persoa adulta. Ademais de levaren esas pezas para as súas casas, toda a rapazada levou tamén unha medalla conmemorativa e unhas lambonadas, que lles foron entregadas polos concelleiros de Medio Rural, Manuel Ferreiro; e Xuventude, Juan Carlos Portos.
O campionato rematou cun pequeno almorzo a base de empanada e bolos para que todos, crianzas, pais, nais, avós e avoas, puideran repoñer forzas. Este ano, como medida especial, todas as persoas presentes, tanto crianzas como adultas, tiveron que levar máscaras de protección.