O acordo coa Seguridade Social permitirá acurtar prazos e evitarlles esperas ás persoas que optan á nova prestación
As persoas demandantes do Ingreso Mínimo Vital, a renda básica posta en marcha polo Goberno de España para as persoas con menos recursos, poderán aforrar trámites municipais para axilizar así a consecución desa axuda.
Até o de agora, resultaba preciso que os e as solicitantes da renda presentasen certificados de empadroamento ou convivencia expedidos polo concello. Tras o acordo entre o Goberno local e a Seguridade Social ese trámite xa non será necesario. Así, será a Seguridade Social a que lle solicite ao concello o certificado correspondente a cada petición, e este remitirase desde María Pita a ese organismo sen que as persoas solicitantes teñan que facer ningunha xestión. Só terá que acudir a María Pita quen solicite novas altas ou para modificar o seu empadroamento.
“Trátase de lles facilitar as cousas ao máximo ás persoas que máis o precisan para que teñan acceso canto antes ao Ingreso Mínimo Vital”, indicou o concelleiro de Economía, Facenda e Réxime Interior, José Manuel Lage Tuñas.
A expedición de certificados de empadroamento vinculados ao Ingreso Mínimo Vital supuxo, ademais, un incremento importante da carga de traballo neste servizo, que desde o pasado 18 de maio funciona co novo sistema de cita previa.
O Goberno municipal instaurou a cita previa para garantir a seguridade da cidadanía e dos/as empregados/as públicos/as nas instalacións municipais, e para mellorar a atención que se presta nos distintos servizos dentro do Plan de modernización dixital posto en marcha pola Concellaría de Economía, Facenda e Réxime Interior.
Desde o 18 de maio as oficinas de Rexistro de María Pita, A Franxa, Ágora e Fórum e a Oficina Tributaria da Franxa atenderon 27.423 citas previas.
A cidadanía pode reservar as súas citas a través da web municipal, chamando ao teléfono de atención automática 881 505 101 ou no 010. Ademais, o novo sistema permite modificar e anular citas dun xeito sinxelo a través da web, e coñecer, mediante a lectura de códigos QR, o tempo de espera aproximado cando a/o cidadá/n chega ao servizo onde ten a cita concertada. “O sistema forma parte dos plans de transformación dixital da Administración local que ten na axenda o Goberno que preside Inés Rey. A implantación do servizo adiantouse por mor da COVID-19, pero a intención é mantelo no tempo e estendelo a outras áreas”, dixo José Manuel Lage.