Moeche empeza a desenvolver os eventos culturais que ten programados para este verán. E faino o sábado don dúas propostas para rapazada e público familiar que terán lugar no castelo e máis na área recreativa de Soutogrande.
A partir das 20.00h. a fortaleza acollerá o primeiro concerto do ciclo “Castelo de Sons” coa actuación de Pakolas. Trátase dun espectáculo de música e xogo participativo pensado para nenas e nenos na compaña de papás e mamás, que disfrutarán de máis dunha hora de troula con Paco Cerdeira, exmembro de Mamá Cabra, do que formou parte durante 10 anos, e fundador de A Gramola Gominola.
E, ao remate de Pakolas, cine ao aire libre na área recreativa situada ao pé da piscina municipal. A partir das 21.30h. proxectarase o filme infantil “Os futbolísimos”, co que tamén arranca un ciclo de pases ao aire libre que o 1 de agosto nos traerá “A Galiña Turuleca” e o día 14 o filme “A sombra da lei”, dirixido polo monfortino Dani de la Torre.
Para acudir a ambas actuacións é preciso reservar a entrada no 981 404 006 ou en correo@moeche.gal. O aforo será limitado e debido ás circunstancias actuais as persoas non convivintes deberán gardar o distanciamento físico e será obrigatorio o uso da mascarilla.