O Concello, cun investimento de 80.000 euros e un prazo de execución de dous meses, inclúe a reposición de pavimentos e bordos, a colocación de arquetas para a canalización municipal e o pintado de pasos de peóns
O Concello da Coruña, a través da área de Medio, Territorio e Infraestruturas que dirixe Martín Fernández Prado, informa do inicio dos traballos de reparación da pavimentación da avenida de Joaquín Planells dentro do Plan de Modernización de Espazos Públicos que ten como grandes obxectivos ofrecer unha imaxe estética e homoxénea e de calidade en toda a cidade, dar máximo protagonismo ao peón e renovar toda a rede de canalizacións.
En concreto, a actuación, que conta cun investimento de 80.000 euros e un prazo de execución de dous meses, inclúe a demolición e reposición do pavimento nunha superficie aproximada duns 600 metros cadrados; así como a reposición do bordo, a colocación de arquetas para a canalización municipal e o pintado dos pasos de peóns con materiais antideslizantes e reflectantes. Este tipo de intervencións desenvólvense noutras vías da cidade como Adelaida Muro, Federico Tapia e Observatorio ou na praza do Comercio.
Esta actuación responde a unha demanda veciñal e súmase a outras realizadas no barrio como as melloras na rede de bus urbano no ámbito comprendido entre Lonzas, ou Birloque e Elviña que permitiron que a avenida de Joaquín Planells recupere, despois de 15 anos, o servizo de autobús tal e como reclamaban os residentes na zona.