O Concello de Abegondo estreou hoxe a súa nova oferta de actividades ao aire libre no parque fluvial de Beche. Co fin de incrementar as opcións seguras e aproveitar a contorna do encoro, os veciños poderán acceder a estes servizos os sábados e domingos en horario de 16.00 a 21.00 horas.
Os usuarios que se acheguen por Beche poderán gozar polas tardes de bicicletas, kaiaks, raquetas de bádminton, e petanca. O préstamo será gratuíto e non será necesaria a inscrición previa.
O Concello lanzou este ano un plan de actividades que conxuga o respecto ás normas de seguridade e hixiene co lecer deportivo e cultural. A nivel recreativo xa abriu a piscina municipal con limitacións de aforo e medidas de protección aos bañistas. No ámbito cultural, a aula Lúdica xa abriu as súas portas como alternativa para a conciliación. De 8.30 a 14.30 horas, un pequeno de Abegondo pode realizar actividades como xogos ou talleres.