Esta iniciativa conta con actividades lúdico-educativas que se desenvolven, de luns a venres en horario extraescolar, nos centros cívicos Dos mallos, San Diego e Labañou
O Concello da Coruña organiza unha nova edición de Ciberaulas, dentro do programa CiberCaixa, unha acción dirixida a nenos e nenas de entre 3 e 12 anos co obxectivo de facilitar recursos e actividades lúdico-educativas e a incorporación de novas tecnoloxías da comunicación e a información en centros que poidan atender en horario extraescolar aos menores de familias con máis dificultades para a conciliación da vida persoal e laboral.
O Concello sacou a concurso este programa de animación e dinamización sociocultural nos espazos destinados a Ciberaulas, unha actividade organizada coa colaboración da Fundación LaCaixa. A empresa adxudicataria do servizo encargarase de elaborar o cronograma das actividades e a súa planificación temporal. O prazo para presentar propostas finaliza o próximo 22 de xaneiro ás 13.00 horas.
O contrato licítase por un importe total de 75.438 euros para os dous anos de duración do servizo, aínda que pode prorrogarse por dous exercicios máis. O Concello da Coruña, grazas a este convenio de colaboración subscrito coa Fundación LaCaixa, dispón de
tres CiberCaixas nos centros cívicos de Labañou, Os Mallos e San Diego, que conta con tres equipos integrados:
. Espazo de informática: zona equipada con ordenadores que permite aos menores relacionarse a través destes recursos informáticos.
. Espazo de lectura e audiovisuais: zona equipada con libros, películas, documentais, DVDs e equipos audiovisuais ao alcance de todos os usuarios das CiberCaixas.
. Espazo infantil: zona equipada con mobiliario e recursos específicos para os máis pequenos. Neste espazo, os nenos e nenas teñen ao seu alcance material pedagóxico e programas educativos.
Este proxecto -que se dirixe a menores de entre 3 e 12 anos que, sobre todo, pertencen a unidades familiares en risco de exclusión social ou con problemas para conciliar a vida familiar e laboral- ten como principais obxectivos:
. Favorecer o desenvolvemento de habilidades sociais e a adquisición de valores.
. Educar para o tempo libre.
. Potenciar o uso das tecnoloxías da información e a comunicación a partir dos recursos informáticos.
. Ofrecer un espazo de reforzo escolar, así como un recurso útil ao servizo da comunidade.
As actividades desenvolveranse, durante o período lectivo, de luns a venres, entre as 16.30 e as 19.30 horas, mentres que nas vacacións de verán, Nadal e Semana Santa se realizarán en horario de mañá -entre as 10.00 e as 13.00 horas-. Ofertaranse ao redor de 2.286 horas ao ano.