Friday 22 de November de 2024

O Concello de Fene investirá máis de 175.000 euros na reparación dun dos accesos a Vilar do Colo


O Concello de Fene ten listo desde principios de ano o proxecto de reparación da estrada que une o polígono do Vilar do Colo coa vía provincial DP-3501, en Limodre. E agora, ademais, tamén conta con financiamento para levar a cabo as obras, por medio dunha subvención autonómica dirixida á mellora de infraestruturas en parques empresariais. A actuación está cifrada en 175.605 euros cofinanciados nun 68% cos fondos autonómicos. O proxecto técnico recolle o aglomerado de toda a estrada co obxectivo de mellorar a súa durabilidade e tamén a súa seguridade.

Son 1,8 quilómetros de pista que enlazan a segunda fase do polígono do Vilar do Colo coa DP-3501, xusto á altura do campo de fútbol de Limodre. Este eixo construiuse no seu día para conectar o saneamento do polígono co colector xeral que percorre a parroquia e non tardou en converterse no itinerario de referencia para o tráfico procedente do noroeste de Cabanas e do leste de Ares e Mugardos.

O uso e o paso do tempo fixeron que, pouco a pouco, fosen abríndose grandes fochancas que o Concello reparou nos últimos anos a través de sucesivos programas de rebacheo. Ademais, a zona inferior da estrada -no cruzamento coa provincial- amañouse hai tres anos con cargo aos fondos do PAI 2016 da Deputación da Coruña. Ese anaco, duns 50 metros e próximo ao parque da Hortiña, está en perfecto estado, ao igual que a estrada coa que conflúe, pero o resto da vía encóntrase nunha situación ben distinta, cun firme irregular -resultado do tráfico pesado e dos parches que hai a cada pouco- e coas cunetas cheas de sedimentos e vexetación.

A solución para corrixir esas deficiencias pasa por aproveitar como fondo o firme actual e botarlle por riba un novo a base de aglomerado e cun grosor mínimo de 6 centímetros. Ademais tamén se prevé sinalizar todo o trazado, limpar as gabias e eliminar as silveiras e salgueiros que proliferaron xusto á súa beira nos últimos anos.

Cómpre ter en conta tamén que esta zona non só é enlace co polígono, senón que tamén é lugar frecuentado por ciclistas e paseantes, razón pola que, segundo Juventino Trigo “urxe facer unha reparación completa e duradeira, que faga máis segura a estrada e que nos libre de ter que andar facendo amaños puntuais a cada pouco”.

Unha vez que a Consellaría de Industria confirmou a achega económica para as obras -120.000 euros de subvención- agora toca axilizar a tramitación do expediente de licitación. “Temos que inicialo xa mesmo, e o departamento de contratación xa está co tema”, comenta o rexedor precisando que toda a obra “deberá estar rematada e pagada, como moi tarde, o 31 de outubro”.